Clases que poden salvar vidas
A Semana da Saúde chega á escola con consellos para afrontar situacións de emerxencia ou mellorar o benestar físico e emocional
Aínda que son pequenos, coa súa resposta poden salvar vidas. Iso é que lles ensinan estes días aos nenos do colexio Pío XII de Santiago. Celebran a Semana da Saúde e teñen clases de prevención e primeiros auxilios, con sanitarios.
Aprenden como reaccionar ante unha caída no patio, unha queimadura e un mareo. "Cando raspas, por exemplo, un brazo con area poslle auga fría para calmar", di un dos nenos, e a súa compañeira engade: "Se tes un cristal cravado, non sacalo porque se non sangra máis".
Outro conta que "cando alguén está mareado, hai que poñerlle os pés para arriba". "E chamar ao número 112", sentencian.
Pero tamén lles ensinan manobras máis complicadas que poden salvar vidas. Diego Aragunde é enfermeiro. Explica que o importante é que "adquiran hábitos de hixiene, de prevención e de como actuar nunha emerxencia en situacións cotiás que se poden atopar no día a día".
A odontóloga Sonia Carretero tamén participa na iniciativa: "O que queremos é que saiban que teñen que coidar todas as partes do organismo para ter unha boa saúde".
Hábitos de hixiene e prevención que afondan nos ollos, na boca ou nos dentes. "Sen eles poderiamos atragoarnos e pasaríanos o peor", di un dos alumnos. "Hai que lavar ben os dentes para que non saian caries", afirman ao unísono, coa lección aprendida.
Hai tamén clases de educación emocional. Descanso, deporte, música ou relaxación. Son algúns dos consellos que levan para poder afrontar un exame sen nervios e superar os escollos que poden atopar na vida á súa idade.