Cinco persoas morren nas estradas na terceira fase da operación do Nadal
Dende o 23 de decembro rexistráronse 44 vítimas mortais na rede viaria española
Unha colisión frontal na A-52 deixa unha persoa falecida e tres feridas graves
A Dirección Xeral de Tráfico recomenda evitar circular entre as 18:00 e as 22:00 horas

Derradeira xornada do dispositivo especial que a Dirección Xeral de Tráfico preparou para o Nadal. Esta medianoite remata a terceira e última fase da operación que comezou o xoves.
Dende as 15:00 horas dese día e ata as 20:00 horas do sábado, cinco persoas perderon a vida nas estradas españolas noutros tantos accidentes. Ademais, tres persoas quedaron feridas.
O xoves produciuse un atropelo mortal en Lezo (Guipúscoa) e o venres houbo dous accidentes con dúas vítimas mortais. O sábado rexistráronse dous sinistros con outras tantas persoas mortas e tres feridas.
Accidente mortal en Galicia
Un destes últimos rexistrouse na A-52 ao seu paso por Salvaterra de Miño cando un vehículo saltou a mediana e bateu contra outro coche. Faleceu un veciño de Vigo de 41 anos.
Dende que comezou a operación especial de tráfico do Nadal, o venres 23 de decembro, 44 persoas morreron en sinistros de tráfico, segundo o balance da DXT, que prevé 4,1 millóns de viaxes nesta última etapa do dispositivo.
A DXT recomenda evitar circular entre as 18:00 e as 22:00 horas, cando se prevé máis densidade na rede viaria.