Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia
Foi un paciente de 49 anos que viaxara á Coruña desde Madrid para unha entrevista de traballo
"Supoño que para el o peor foi estar lonxe da súa familia", conta a médica que o atendeu no CHUAC
O 4 de marzo de 2020, a doutora Ana García Trincado atendeu nas urxencias do CHUAC un paciente de 49 anos que viaxara á Coruña desde Madrid para unha entrevista de traballo. Presentaba síntomas compatibles co coronavirus, e as probas confirmaron o diagnóstico.
"Lémbroo como algo rápido, enseguida foi trasladado a unha zona de illamento. Supoño que para el o peor foi estar lonxe da súa familia", conta Trincado.
Aquel primeiro paciente da epidemia en Galicia logrou saír adiante, pero foi apenas a avanzada das ducias que chegaron detrás. Un inimigo descoñecido ante o que todo eran dúbidas e incertezas. Naqueles días previos ao confinamento, os sanitarios puxeron os ollos en Italia e en Madrid, onde a situación era moito máis grave.
"Estabamos xa previdos ante o que viña e entón soubemos reaccionar máis a tempo. Despois xa nos confinaron e iso axudou moito, a poboación portouse moi ben", apunta a doutora Trincado.
A cooperación de todos os actores dos servizos de saúde e a disciplina da cidadanía evitaron que o impacto da pandemia en Galicia fose máis grave naquela fase inicial en que os medios de protección eran tan limitados. Foron días de aplausos nas ventás en que emerxeu o mellor da xente: a humanidade.
"Non foron só os aplausos, a nós cando estabamos de quenda a xente traíanos máscaras, gorros ou batas que facían na casa, os callos do domingo...", salienta a médica que atendeu aquel primeiro infectado e moitos máis despois.