Imputados dous exaltos cargos do Goberno de Ayuso polas mortes en residencias
Carlos Mur e Francisco Javier Martínez Peromingo declararán o luns como investigados
Ayuso: "A Fiscalía cambiou de criterio, é a única información que teño"
Os denunciantes din que os imputados "cumprían ordes" e sinalan o exconselleiro de sanidade e a propia Ayuso

O Xulgado de Instrución número 3 de Madrid citou como investigados o luns 26 de maio a Carlos Mur e Francisco Javier Martínez Peromingo, dous exaltos cargos do Goberno de Isabel Díaz Ayuso, considerados os autores dos protocolos que bloquearon o traslado ao hospital de anciáns desde residencias ao comezo da pandemia.
Carlos Mur era director de Coordinación Sociosanitaria cando empezou a pandemia en marzo de 2020 e foi o asinante dun protocolo que bloqueou o traslado ao hospital de miles de residentes enfermos polo simple feito de ir en cadeira de rodas ou ter deterioración cognitiva.
Francisco Javier Martínez Peromingo foi o coordinador do 'protocolo técnico', que complementaba o primeiro á hora de especificar como debía executarse, e que substituíu a Mur como director de Coordinación Sociosanitaria en maio de 2020.
O Xulgado de Instrución 3 de Madrid decidiu reabrir o pasado 1 de abril, a pedimento da Fiscalía Provincial de Madrid, unha causa que se arquivou provisionalmente case tres anos antes.
A orixe desa solicitude da Fiscalía Provincial está nunha denuncia colectiva de 109 familiares de vítimas das residencias, coordinada polas entidades Marea de Residencias e 7291: Verdad y Justicia, presentada en outubro do ano pasado.
Ayuso tras imputación de dous exaltos cargos: "A Fiscalía cambiou de criterio e é a única información que teño"
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, referiuse este venres desde Pozuelo de Alarcón á imputación de dous exaltos cargos do Goberno rexional polos protocolos de derivación sanitaria en residencias durante a pandemia.
Limitouse a sinalar que a Fiscalía "cambiou de criterio". "É un asunto que estaba arquivado fai tres anos, agora a Fiscalía cambiou de criterio e decidiu reabrilo e é toda a información que teño", indicou a dirixente madrileña
Con estas imputacións, reábrese unha causa, a pedimento da Fiscalía Provincial de Madrid, que fora arquivada provisionalmente hai tres anos.
Os denunciantes esperan a verdade sobre o ocorrido nas residencias
Marea de Residencias e 7291: Verdad y Justicia celebran que os altos cargos de Ayuso sexan chamados a declarar por primeira vez como imputados, xa que ata o de agora as instrucións xudiciais nunca se dirixiron contra eles.

En todo caso, ambas as entidades móstranse convencidas de que a responsabilidade penal e política non se detén en Mur e Peromingo, que "cumprían ordes". E poñen o foco no entón conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, e da propia Ayuso.
O percorrido da denuncia colectiva
O Ministerio Público repartiu a denuncia colectiva entre a Fiscalía Provincial de Madrid (á que corresponderon os casos de 53 denunciantes) e as Fiscalías de Área de Móstoles (28), Xetafe-Leganés (15) e Alcalá de Henares (13).
Na denuncia colectiva identificouse a Carlos Mur, asinante do protocolo de non derivación, e a Francisco Javier Martínez Peromingo, autor do protocolo técnico, que complementaba ao anterior.
O Ministerio Fiscal solicitou expresamente a instrución e axuizamento conxunto do delito de discriminación denunciado en 2024 e o homicidio imprudente e de prevaricación instruído en virtude da querela inicial.