Descobren un biomarcador que podería revolucionar os cribados de cancro colorrectal
O descubrimento de científicos do IDIS permitiría detectar este cancro antes de que aparezan os síntomas e cunha proba tan simple como unha análise de sangue
Unha detección de sangue oculto en feces e a posterior análise dos pólipos cunha colonoscopia para ver se son malignos: este é o sistema de detección actual do cancro colorrectal, que podería revolucionarse con este descubrimento que estes científicos do IDIS, en Compostela, acaban de publicar na revista Clínical Epigenetics.
O que descubriron, unha alteración nun xen que pode servir de biomarcador.
"É unha alteración epixenética que son como unhas marcas químicas que hai no noso ADN. Témolas nas células de xeito normal, pero hai determinados momentos, en caso de cancro, en que esas marcas se alteran", explica Ángel Díaz Lagares, investigador do grupo Oncomed do IDIS.
O que chama a atención é que en comparación cun individuo san, eses biomarcadores aparecen nun nivel alto xa desde os estadíos máis iniciais, antes de que haxa síntomas. Poden servir tamén para detectar cando os pólipos están en risco de malignizarse e, no caso dun cancro xa avanzado, indica se os tratamentos están sendo efectivos.
"O uso de técnicas non invasivas, como a análise de sangue, favorecen que os pacientes teñan un acceso máis doado a estas probas", explica este investigador.
O que precisa agora este grupo é máis finaciamento. O seguinte paso debe ser un ensaio clínico a maior escala para poñer en marcha todos estes descubrimentos tan aletadores.
"España e Galicia necesitan un incremento do financiamento público, pero tamén do privado e medidas estruturais, por exemplo non temos unha lei de mecenado adecuada e semellante á do marco europeo", di Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS e investigador do IDIS.