Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chile elixe o seu futuro presidente entre a ultradereita de Kast e a comunista Jara

Chile elixe o seu futuro presidente entre a ultradereita de Kast e a comunista Jara

As sondaxes indican unha vitoria do republicano José Antonio Kast para suceder a Boric, na que sería a primeira ocasión en que a extrema dereita goberna en Chile desde o regreso á democracia en 1990 tras a ditadura de Pinochet

O resultado depende de máis de 15.6 millóns de electores con voto obrigatorio

En España votan uns 21.000 chilenos con urnas en Valencia, Barcelona e  Madrid

Os electores votan este domingo na segunda volta das presidenciais en Chile
G24.gal 14/12/2025 14:09

Chile afronta este domingo unha xornada crucial coa segunda volta das presidenciais que disputan o ultradereitista José Antonio Kast e a comunista e vencedora da primeira volta, Jeannette Jara.

As sondaxes indican que Chile elixirá para suceder a Boric o primeiro presidente da ultradereita desde o retorno da democracia, Kast, líder do Partido Republicano, que conta agora co apoio de toda a dereita. Jara, á fronte da coalición progresista máis ampla da historia do país, ten escasas posibilidades de facerse coa presidencia.

Kast conta con grandes posibilidades de quedar co Goberno durante catro anos, entre 2026 e 2030. Sería o primeiro presidente de Chile que rexeitou cortar coa ditadura de Pinochet e así o manifestou na súa campaña de 2017 cando dixo que se vivise, votaría por el.  Kast tampouco foi claro ao descartar os indultos a violadores dos dereitos humanos que cumpren condenas e ten unha axenda ultraconservadora en materia de liberdades individuais. É a terceira ocasión en que disputa a presidencia de Chile.

O aspirante ultradereitista mídese agora coa comunista Jeannette Jara, candidata da coalición progresista que tivo serias dificultades para despexar as dúbidas respecto do seu partido de orixe e conquistar os votantes moderados.

A recta final da campaña presidencial, na que os dous candidatos escalaron na confrontación, mantivo o foco na seguridade, a orde pública e o control migratorio, que a cidadanía sitúa como as súas principais preocupacións.

O resultado está nas mans de máis de 15,6 millóns de electores, con voto obrigatorio. En España uns 21.000 chilenos están chamados ás urnas en centros abertos en Barcelona, Valencia e Madrid.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade