Publicador de contidos

Publicador de contidos

César Mogo: "O Goberno está en vías de solucionar os déficits do tren en Galicia"

César Mogo: "O Goberno está en vías de solucionar os déficits do tren en Galicia"

O senador do PSdeG afirma que corrixir as carencias ferroviarias leva tempo e provoca inconvenientes

César Mogo defende o traspaso de novas competencias a Galicia, que considera posible e desexable

Réstalles importancia ás mensaxes entre Ábalos e Sánchez, pero chama a tomar consciencia da gravidade que supón filtrar conversas privadas

G24.gal 18/05/2025 09:30 Última actualización 18/05/2025 12:03

O senador do PSdeG, César Mogo, asegura que o executivo de Pedro Sánchez está traballando para mellorar os servizos ferroviarios en Galicia, cuxos problemas derivan -segundo dixo na entrevista dos domingos da Radio Galega- de déficits históricos que se suman -agora- ao incremento de usuarios. O senador lugués engadiu, non obstante, que corrixir esas carencias leva tempo e provoca inconvenientes. De feito, apuntou, moitas das complicacións que se rexistraron debéronse ás obras de modernización na estación madrileña de Chamartín.

Eu creo que hai déficits históricos que hai que corrixir e unha presión cidadá, de clientes, que hai que atender. Iso impón moita modernización de infraestruturas, que cando se fan á vez é un problema. O Goberno, cónstame, que está en vías de solucionar os déficits, as carencias e problemas onde se estean presentando.

Sobre o traspaso de novas competencias a Galicia, o senador socialista cre que é posible e desexable. Transferidas xa as do litoral, considera lexítimo que a Xunta reclame outras como a meteoroloxía, as acreditacións de traballo para os estranxeiros ou a AP-9.  Os socialistas -apunta- non poñerán atrancos.

Si o vexo posible, vexo unha boa noticia. O que me parecía unha anomalía é que non se pediran transferencias -salvo esta última do litoral- anteriormente, durante catorce anos. Por tanto, véxoo posible, desexable e nosoutros os socialistas non lle poñeremos ningunha dificultade a iso, sempre que sexa racional.

Crise no PSOE en Santiago

César Mogo argumenta que todos os partidos teñen diverxencias de vez en cando, pero está convencido de que a situación no PSOE compostelán irase normalizando. Respecta a decisión de Xosé Sánchez Bugallo de adiantar a súa renuncia como senador, en solidariedade cos catro edís expulsados do partido, e conmina o partido a traballar coa ollada posta nas municipais de 2027.

O que ten que facer o partido, e eu creo que o vai facer, é prepararse nestes dous anos para recuperar Santiago, que creo que é positivo porque tivo alcaldes como Bugallo ou Estévez e merece ter un alcalde socialista. Iso é o que imos facer os dous próximos anos.

Mensaxes de Ábalos con Pedro Sánchez

O senador lugués réstalle importancia ás mensaxes de Whatsapp que se filtraron esta semana entre o exministro José Luis Ábalos e o presidente do Goberno. Afirma que son conversas sen ningunha transcendencia, pero chama a tomar consciencia da gravidade que supón filtrar mensaxes privadas.

O que ten gravidade é que calquera poida acceder a Whatsapps, comunicacións privadas, que non teñen nada que ver con investigacións xudiciais, e que se dean a coñecer publicamente. Ten unha gravidade que a sociedade española non debería permitir que se converta en costume.

Apagamento masivo

O senador do PSdeG asegura que o Goberno traballa con paso seguro para descubrir as causas da apagada do 28 de abril, pero sostén que é un asunto complexo e que leva tempo.

Pero vai haber transparencia, información veraz e saberanse as causas, pero poñer o carro antes dos bois é imposible. Avánzase a paso seguro e saberase nun prazo breve a que se debeu.

Lexislatura

César Mogo está convencido de que o Goberno esgotará a lexislatura porque, malia a debilidade parlamentaria, consegue sacar adiante máis do 80% das iniciativas. A falta de presupostos non é un problema -argumenta- porque as contas anteriores foron abondo amplas e deixan marxe para facer correccións e que non sexa un atranco.

Convocar eleccións cando se está aprobando unha media de dúas leis ao mes, e todos os reais decretos importantes que teñen que ver coa xente: salario mínimo, pensións... se garanten e saen adiante, pareceríame un erro. Eu vexo lexislatura porque hai capacidade de goberno, sobre todo, no importante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade