Alfonso Pato: "Cans é un festival a escala humana"
Volve o Festival de Cans con 120 proxeccións, 85 cineastas e máis de 25 actuacións musicais
O antimilitarismo, a memoria e o despoboamento, entre os temas presentes nesta edición do festival
O cineasta Daniel Sánchez Arévalo será o protagonista do encontro no Torreiro; o Premio Pedigree é para Afonso Zarauza e os chimpíns de prata, para Nerea Barros, Uxía e Adriano
Esta semana o horreo de Bugarín, a leira de Alicia, o galiñeiro de Pedreiro ou o invernadoiro de Juan e Mucha vanse encher de cine. A aldea de Cans engalánase para recibir famosos e visitantes. Nerea Barros, Tamar Novas, Daniel Sánchez Arévalo, un lote de curtometraxistas e moito público para a nova edición do Festival de Cans.
22 anos leva a aldea do Porriño facéndolle sombra ao festival de Cannes de Francia en glamour rural. O agroglamour, que eles acuñaron, volve esta semana que vén, e a aldea recibe a quen queira achegarse e a un nutrido grupo de cineastas, actores, actrices, músicos e famosos. Imos facer repaso para que apuntedes na axenda con Alfonso Pato, director do Festival de Cans, no Porriño.