Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cepyme avisa de que a perda de produtividade empresarial pon en risco no futuro os novos empregos actuais

Cepyme avisa de que a perda de produtividade empresarial pon en risco no futuro os novos empregos actuais

O responsable de Estudos de Cepyme sinala o "absentismo" como un dos principais causantes da caída da produtividade das pequenas empresas

Diego Barceló considera "preocupante" esta situación e cre que lastra a competitividade das empresas españolas con respecto a outros países europeos

G24.gal 02/04/2024 10:33

O responsable de Estudos de Cepyme, Diego Barceló, considera que a perda de produtividade é "o problema económico máis importante co que se está enfrontando España". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante, un día despois de que a Cepyme presentase un informe sobre a situación da empresa española.

Diego Barceló sinala a "absentismo" como un dos causantes desta situación. Explica que "entre o ano 2000 e 2014 arredor dun 4 % dos asalariados cada día non traballaba por distintos motivos, ao estar enfermo, estar de permiso, etcétera. Agora esa porcentaxe é o 7 % e xa é un nivel que trastorna o desenvolvemento normal dunha empresa. Hai que ter en conta que o tamaño medio dunha empresa en España é de 5 ou 6 persoas, e se hai unha que non traballa xa calquera se dá conta que hai un problema no funcionamento. Fai falta máis xente para vender o mesmo que antes. Ese é o camiño do emprobrecemento e non da prosperidade".

O responsable de Estudos de Cepyme indica que "hai unha relación directa entre a creación de emprego e o absentismo". "O que din as empresas é que se está tardando máis en dar as altas, sobre todo, en cuestións traumatolóxicas. Hai xente que xa está en condicións de traballar pero non pode traballar porque non lle deron a alta. A demora en dar as altas é unha das cuestións, pero tamén hai máis permisos. O permiso de paternidade é moito máis prolongado e iso tamén entra dentro do absentismo", afirma.

Diego Barceló alerta da perda de produtividade sobre os salarios. "Perder produtividade é un aumento de custos porque significa que é necesaria unha maior cantidade de xente para producir o mesmo que antes, ou que coa mesma cantidade de xente prodúcese menos. Unha empresa pode crecer cando o traballador é máis produtivo. O problema para o traballador é que cando cae a produtividade non poden aumentar os salarios de maneira sostible porque se fai falta máis xente para producir o mesmo que antes, subir os salarios é imposible. En cambio, que aumente a produtividade é o mellor".

Desde Cepyme apuntan que a perda de produtividade está lastrando a competividade de España fronte a outros países europeos, xa que os custos laborais e de produción non pararon de crecer nos últimos anos. "A situación da peme, en particular, é complicada", di Diego Barceló.

O responsable de Estudos de Cepyme asegura que "hoxe hai menos pequenas empresas que hai catro anos, é dicir, antes da pandemia e as vendas para as pequenas empresas nestes catro anos creceron menos dun 2 %. Temos que a pequena empresa está estancada e iso significa que a pequena empresa española é máis pequena que as súas homólogas europeas porque é menos rendible. Se miramos a rendibilidade sobre o patrimonio neto, a peme española non chega ao 6 %. Bélxica é case un 15 %; Austria e Polonia roldan un 13%; en Hungría un 16 %. Se temos pequenas empresas e non son rendibles, esa situación de estancamento tende a perpetuarse con problemas para todos".

Sobre as perspectivas para este 2024, Diego Barceló explica que "se ben o PIB do ano pasado foi dun 2,5 %, ese dato está distorsionado porque o crecemento do primeiro trimestre foi aínda alto, superior ao 4 %. Se un toma o crecemento do PIB da segunda metade do ano pasado e quita o consumo público, que é o que máis creceu, temos que o PIB creceu 0,9 %. Daquela, é unha economía que está case estancada e iso é o que lles está pasando as pequenas e medianas empresas. A desaceleración é coherente co que está pasando no conxunto da economía e a perspectiva maioritaría é que para todo o 2024 ese vai ser o ritmo de crecemento. Roldará entre un 1 e un 2 %".

Neste senso, engade que "dependerá de moitos factores como a evolución do turismo internacional ou as decisións do Banco Central Europeo con respecto as baixadas dos tipos de xuro, pero, digamos, hoxe a perspectiva é unha continuidade do crecemento do segundo semestre do ano pasado".

Desde Cepyme tamén se alerta de riscos futuros as contratacións que se están efectuando nestes momentos. "A caída da produtividade é porque o emprego crece máis que as vendas. Como é posible? Porque, entre outras cousas, estamos falando de cifras de termo medio. Hai empresas que están reducindo persoal e outras que o están aumentando mais a media dá iso e dá unha caída da produtividade. A realidade española demostra que cando o emprego sostidamente crece por riba das vendas, eses empregos non son sostibles. Por iso, a caída da produtividade é preocupante para todos, non só para o empresario. Por iso, alerto das dúbidas sobre os empregos que se están creando", di Diego Barceló.

Por sectores, apunta que "a gandería e a agricultura están especialmente afectados. O emprego no agro está caendo 31 meses seguidos. É unha situación de crise. Por iso, as protestas que hai no campo. No agro hai un problema de produtividade malia que está caendo o emprego. Por citar o exemplo contrario, está a construción. A construción creceu moito e está recuperando moito e aí o problema da produtividade sería menos grave. Hai problemas de produtividade en moitos sectores dos servizos".

Sobre os aumentos dos concursos empresarias, con máis de 2.000 no cuarto trimestre, o responsable de Estudos de Cepyme avisa que "o dato do cuarto trimestre é o terceiro máis alto dos últimos once anos. Se están aumentando os concursos é porque hai un sector das pequenas empresas que están con problemas. É coherente cos datos do conxunto do informe. Estamos tendo unha situación complicada para a peme e é coherente con que aumenten o número de concursos. Iso resólvese coa redución de custos para que as empresas poidan ser máis rendibles e a partir de aí investir e crecer de maneira sá".

De esta situación extráese unha cousa positiva. "Como consecuencia da suba dos tipos de xuro, as empresas reduciron a demanda de crédito e están reducindo o seu endebedamento. Nalgún sentido, as empresas son máis solventes, o que pasa é que o ideal é que as empresas estivesen crecendo e investindo a pesar de que iso custase algo máis de débeda. Se un quere ver un factor positivo é que as empresas están menos endebedadas e, polo tanto, son un pouco máis solventes", informa Diego Barceló.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade