Branca xornada de Nadal en Manzaneda
Centos de galegos pasan o día de Nadal practicando deportes de neve
A neve chegou a Manzaneda e con ela os practicantes de deportes de inverno. Os máis madrugadores xa estaban nas pistas a primeira hora para gozar deste día de Nadal.
"O que pasa é que ao ser Nadal, pois vai haber pouca xente. Pero, en fin, hai que aproveitar que por fin chegou a neve no Nadal".
"Hoxe decidimos non saír e aproveitar ben o día que aquí non é sempre habitual. Entón hai que aproveitar ben".
"Decidimos vir porque fai un sol radiante, un día perfecto para esquiar e a tope".
Esquiadores, amantes do snowbord, nenos en zorra ou xogando coa neve trataban de sacar o máximo partido ás 9 pistas e máis de 5 quilómetros para esquiar dispoñibles nesta xornada na única estación de montaña galega.
"Hai que xestionar un pouco o drama coa familia de faltar hoxe por Nadal. Eu díxenlle mamá síntoo, pensa que casei coa neve e cousas que pasan. Se xestionas ben o drama hoxe é un día para gozar".
"A min paréceme máxico ver a paisaxe así nevada é o Nadal personificado".
"Viñemos aquí a pasar o Nadal coa familia, aproveitando antes do xantar e esquiar un pouco".
Con 4 remontes funcionando e neve de ata 25 centímetros de espesor, as previsións meteorolóxicas para a montaña ourensá apuntan a que este venres manteranse as temperaturas minimas moi frías.