Centos de olas voaron polo aire no domingo Oleiro do Entroido de Xinzo da Limia
A seguinte etapa será o domingo corredoiro, primeiro día en que saen á rúa as famosas pantallas
Domingo lambedoiro, comeza o Entroido ribeirao en Chantada
O entroido de Mugares, no Concello de Toén, tamén mantén a tradición
Avanza o Entroido máis longo de España e un dos máis longos de Europa. Tras o domingo fareleiro e o colgamento do meco, Xinzo celebrou o domingo oleiro. Na praza Maior, centos de olas voaron pasando de man en man. Os participantes, vestidos de época, explican que non é tan doado como pode parecer, precísase un mínimo de experiencia pero sobre todo é imprescindible ser de Xinzo e levalo no sangue.
"Pode participar calquera que sexa de aquí, non pode vir un turista e meterse aquí a xogar".
"Non hai segredo, é un sentimento, hai que tirar e xa esta".
"Ti de pequeno xa vas mirando no oleiro infantil e pensas 'gustaríame estar aí' e vas xogando, valas pasando e ao que lle rompe a ola paga a rolda de viño".
O lanzamento de olas é unha tradición que se remonta décadas atrás cando non había auga corrente nas casas e as mulleres íana buscar á fonte con estes recipientes de barro. Ao principio comezaron xogando as mulleres pero co tempo os homes apropiáronse da festa. Ata hai uns anos.
"Cada vez xogan máis mulleres, é un pracer, no meu caso as novas xeracións somos mulleres, pero é certo que eu aprendín co meu pai e o meu avó, pero dá gusto que cada vez sexamos máis as que xogamos".
As olas tamén son máis pequenas agora e algunhas van cargadas de auga, ou viño ou outros obxectos para complicar a recepción. Os expertos lanzadores explican que é importante botala ben para non acabar coas mans adoecidas.
"Cada unha ten un peso diferente, entón a presión... E algúns compañeiros bótana máis forte, máis alta, máis recta... Entón esa é a presión que se fai nas mans". "Un pouco doentes, inchadas, pero en fin, isto en toda a semana xa pasa".
A seguinte etapa será o próximo domingo, o corredoiro, primeiro día do Entroido en que saen ás rúas as pantallas.
Domingo lambedoiro e comeza o Entroido ribeirao en Chantada
Santiago de Arriba, en Chantada, celebrou hoxe o inicio do seu Entroido ribeirao co domingo lambedoiro, unha festa de especial interese polo seu carácter etnográfico e que contou esta tarde coa presenza e o apoio doutros entroidos ancestrais do interior de Galicia.
Descoñécese a cando se remonta a celebración do Entroido ribeirao, pero hai 25 anos que a loita pola súa recuperación conseguiu que esta festa se celebre cada ano como unha tradición forte e consolidada.
Entroido de Mugares, no concello de Toén
Non tan coñecidos nin tan multitudinarios coma os entroidos de Xinzo, o ribeirao ou os Laza e Verín, pero na provincia de Ourense hai tamén outras pequenas localidades que manteñen viva a súa tradición. É o caso do Entroido de Mugares, no concello de Toén. Alí hai uns vinte anos que recuperaron os traxes dos labardeiros e as señoritas. O seu día grande é o martes de Entroido, pero xa andan tamén cos preparativos.