Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cen líderes mundiais comprométense a reverter a deforestación para 2030

Cen líderes mundiais comprométense a reverter a deforestación para 2030

Entre os asinantes: o do Brasil, da China, dos Estados Unidos e da UE

Os países que dirixen representan o 85 % dos bosques do planeta

G24.gal 02/11/2021 02:39

Un cento de mandatarios doutros tantos países, que representan o 85 % dos bosques do planeta,
comprométese a deter e reverter a deforestación e a degradación da Terra para 2030. Foi o que acordaron no marco da Conferencia da ONU sobre Cambio Climático, COP26, que se celebra en Glasgow.

O anuncio fíxoo o Goberno británico, o anfitrión do encontro. A promesa subscríbena, entre outros, os líderes do Brasil, Colombia, Guatemala, Honduras, a China, Australia, a Unión Europea, Rusia, os Estados Unidos ou o Reino Unido.

O compromiso que pecharon vai acompañado de financiamento para logralo: aseguran que ata 2030 desembolsarán algo máis de 10.300 millóns de euros de investimento público, aos que se sumarán outros 6.200 millóns de investimento privado.

Os pulmóns do planeta desaparecen

No Executivo de Boris Johnson explican que os estados asinantes suman unha superficie de 33,6 millóns de quilómetros cadrados de bosques, que son os pulmóns do planeta pero están desaparecendo a un ritmo de 27 campos de fútbol por minuto.

Por iso, o primeiro ministro británico considera histórico o acordo para protexelos.

"Os bosques apoian ás comunidades, os medios de vida e a subministración de alimentos e absorben o carbono que bombeamos á atmosfera. Son esenciais para a nosa supervivencia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade