Celta-Raio Vallecano e Almería-Deportivo, partidos da xornada no 'Galicia en goles' da Radio Galega
O encontro Andorra-Breogán e a Primeira Federación serán protagonistas nas retransmisións de baloncesto, que comezan xa este venres co Básquet Coruña-Palma e o Palencia-Ourense
As retransmisións deportivas da fin de semana na Radio Galega comezan o venres pola noite. A partir das 20:30 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo entre os partidos da Primeira Federación: Básquet Coruña-Palma e Palencia-Ourense. Os herculinos chegan á última xornada da primeira volta con dúas vitorias de vantaxe sobre o Obradoiro, segundo clasificado, e parten como favoritos nesta cita ante o cadro balear, noveno clasificado. Mentres, o Ourense acaba de gañar o derbi ante o equipo da capital de Galicia e volve estar en condicións de optar aos postos de playoff polo ascenso.
O sábado, desde as 14:15 h, a atención estará posta no estadio dos Xogos do Mediterráneo co enfrontamento entre dous candidatos ao ascenso á Primeira División: o Almería e o Deportivo da Coruña. É tal a igualdade da categoría que os dous conxuntos están separados por tan só dous puntos en postos de promoción de ascenso. Na primeira volta, en Riazor, o resultado final foi de empate a un gol.
O fútbol da Primeira RFEF tamén estará presente, primeiro co derbi en Pasarón entre o Pontevedra e o Arenteiro. Os locais atravesan polo mellor momento da temporada e xa están na terceira praza, a só unha vitoria do segundo clasificado, o filial do Celta. Desta volta, o Fortuna visita o campo do Talavera e, na última quenda da noite, un punto de directo será o estadio Toralín coa estrea de Guillermo Fernández Romo á fronte do Rácing de Ferrol contra á Ponferradina.
O baloncesto completará a axenda de retransmisións, co Andorra-Breogán na Liga ACB de baloncesto e o Obradoiro-Alicante na Primeira FEB.
Xa o domingo, ás 12:00 h, a edición matinal recollerá o Levante Badalona-Deportivo, da Primeira Feminina, xunto ao Ourense C. F.-Osasuna B da Primeira Federación e o Numancia-Bergantiños, da Segunda RFEF. Desde as 14:15 h, a sesión de tarde despregará un amplo equipo no Celta de Vigo-Raio Vallecano, da Primeira División. Tras gañar no Sánchez Pizjuán, o equipo que prepara Claudio Giráldez igualou na sexta praza o Betis e vai directo a por unha praza na Europa League da próxima temporada. O Lugo-Unionistas, da Primeira RFEF, e a xornada na Segunda e Terceira RFEF completarán a oferta do día.
A partir das 21:00 h, os especialistas do fútbol galego xuntaranse na mesa de debate para opinar dos resultados dos nosos equipos co reforzo do humorista Tito Rober para gozar das últimas horas do día.
Ás 23:00 h, a Radio Galega ofrecerá unha nova entrega que leva o cancelo #GaliciaEnXogo e que xira na primeira media hora arredor do mundo do motor. Rodrigo Pérez falará cos protagonistas da Gala do Automobilismo celebrada no Paco Paz de Ourense e, a continuación, contra as 23:30 h, Toni López informará da actualidade dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.