Sortean as 20 vivendas que a Xunta construíu en Mos, adxudicadas en réxime de alugueiro
A metade estaban reservadas para menores de 36 anos e con prezos que oscilan entre os 99 e os 300 euros ao mes
Moitos dos inscritos, empadroados ou persoas que traballan en Mos, asistiron ao sorteo ante notario que se celebrou na Delegación da Xunta en Vigo. Vinte vivendas públicas que foron adxudicadas en catro lotes segundo o seu tamaño e accesibilidade.
"Polo menos o 50 % destas vivendas son para menores de 36 anos, nesta aposta que temos para facilitar a emancipación da nosa mocidade. Vivendas en alugueiro que oscilan entre os 99 e os 300 euros de máximo", explicou María Martínez Allegue, a conselleira de Vivenda.
E foi a mellor nova para empezar o ano para as familias que o conseguiron. A conselleira deulles os parabéns e explicou a marcha dos proxectos de vivenda pública en Galicia.
"Temos 3.000 vivendas de promoción pública en marcha e o compromiso de que este mesmo ano poremos en marcha outras 1.000", dixo.
No caso das de hoxe, son adxudicadas por sete anos en réxime de alugueiro.