CCOO denuncia que os galegos non cobran catro de cada dez horas extra que traballan
Segundo un informe do sindicato, 55.000 galegos fan horas extra cada semana
A Confederación de Empresarios de Galicia insiste en que a patronal cumpre coa normativa laboral
Asegura Comisións Obreiras que cada semana 55.000 galegos fan horas extra no seu traballo, pero, segundo o sindicato, non todas se cobran, nin se compensan con descanso.
En concreto, di a central, catro de cada dez horas extra non se pagan, e apunta a certos sectores: sanidade, ensino e hostalería, aínda que, segundo a súa secretaria xeral, Amelia Pérez "por desgracia, isto é algo transversal que afecta a moitos máis sectores".
Di o sindicato que cada persoa afectada traballa, de media, unhas cinco horas extra sen pagar á semana e que as empresas galegas aforran así case 200 millóns de euros ao ano.
Os empresarios négano. Segundo Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, "as empresas galegas cumpren rigorosamente os convenios colectivos e o Estatuto dos Traballadores".
Sindicato e patronal chocan na análise e nas cifras. Para Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, "é un problema endémico do noso mercado de traballo e unhas prácticas que, en pleno século XXI, deberían estar erradicadas".
Pola contra, a CEG rexeita este tipo de afirmacións "xenéricas" porque, segundo o seu presidente, Juan Manuel Vieites, "non conducen a un diálogo social permanente e construtivo".
O informe de Comisións Obreiras indica que máis do 5% dos traballadores galegos fan horas extra regularmente.