Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dúas colisións con cinco vehículos implicados na AG-56 deixa catro feridos leves

Dúas colisións con cinco vehículos implicados na AG-56 deixa catro feridos leves

Pouco antes das 10 da mañá autovía foi reaberta e o tráfico quedou restablecido tras producirse retencións importantes na contorna de Santiago

Os accidentes, no concello de Ames, deixan catro feridos leves

G24.gal 06/04/2026 10:25

Dúas colisións por alcance con cinco vehículos implicados na autovía AG-56 ao seu paso por Ames provocaron retencións a primeira hora deste luns nas inmediacións da capital galega e catro persoas resultaron feridas leves.

Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o primeiro sinistro produciuse ás 7:35 horas no quilómetro 3,2 desta vía en dirección Santiago. Neste caso, víronse implicados tres coches e notificáronse dous feridos leves. Pouco despois, un segundo choque entre dous turismos no quilómetro 3,3 sumou outros dous feridos da mesma consideración.

Foi un particular quen, sobre as 7:30 horas, alertou o 112 Galicia dun accidente con varios coches implicados. A condutora dun dos vehículos afectados tamén se puxo en contacto coa central de emerxencias sinalando que chocaran dous turismos por alcance e que había unha persoa ferida.

Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Ames, así como os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e persoal do servizo de mantemento de estradas.

As colisións provocaron que se rexistren retencións na zona, con tráfico lento entre os quilómetros 6,5 e 3,2 en dirección a Santiago de Compostela. Nun primeiro momento, os axentes de Tráfico cortaron o carril esquerdo da vía, pero finalmente procederon ao peche total nese punto, desviando os vehículos pola saída 3 cara á estrada AC-543. Pouco antes das 10.00 horas a autovía foi reaberta e o tráfico quedou restablecido con normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade