Catro detidos por secuestro en Ourense
Os arrestados quedaron en liberdade provisional con medidas cautelares
Secuestraron e agrediron a vítima para esixirlle o pago dunha suposta débeda
Os catro homes detidos por un delito de secuestro foron postos en liberdade provisional mentres continúa a investigación. Agrediron fisicamente e ameazaron a vítima mentres esta estaba en cativerio para esixirlle o pago dunha suposta débeda.
Segundo explicou a Policía Nacional de Ourense nun comunicado, o pasado 30 de setembro os pais da vítima efectuaron unha chamada ao 112 informando da situación do seu fillo, que os chamaba mentres se atopaba secuestrado para que estes saldasen a débeda contraída despois de que os detidos ameazasen con que, de non abonarse a cantidade esixida, este "sufriría consecuencias físicas".
En concreto, a vítima acordou cos captores a entrega dun vehículo da súa propiedade, para o que se trasladaron a Ribeira. Foi alí cando, aproveitando "un momento de descoido dos captadores", a vítima conseguiu fuxir e refuxiarse no seu domicilio.
Tal e como concretaron as forzas de seguridade, a vítima permaneceu secuestrada nun inmoble do barrio ourensán de Covadonga que foi rexistrado, xunto con outro inmoble na localidade da Merca. Alí, franqueouse o acceso ao interior de diversas estancias que se atopaban "bunkerizadas", por ser habitualmente utilizadas para a venda e consumo de substancias.
Finalizadas as dilixencias, os catro detidos foron postos a disposición xudicial e, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, decretouse a súa liberdade provisional, aínda que o xuíz acordou como medida cautelar unha orde de afastamento do denunciante e a comparecencia 'apud acta' cada 15 días a tres deles, o que lles obriga a acudir ao xulgado no tempo establecido.