Catoira acolle o seu popular Desembarco Vikingo nas Torres do Oeste
A Romaría Vikinga celebrou este ano a súa LXV edición con milleiros de asistentes que viñeron dende todas as partes do mundo
Este domingo 3 de agosto levouse a cabo o seu tradicional Desembarco Vikingo
As Torres do Oeste déronlle este domingo a benvida aos bárbaros no popular Desembarco Vikingo de Catoira. Foron milleiros de persoas as que se achegaron ata alí para vivir en primeira persoa unha romaría declarada como Festa de Interese Turístico Internacional.
Nesta primeira fin de semana de agosto aproximáronse ata Catoira viquingos de todas as partes do mundo e sacaron a relucir as súas mellores galas para gozar deste evento. Caracterizacións tradicionais que encheron de vida esta vila e que lembraron tempos pasados nunha celebración chea de historia.
"Isto responde a un acontecemento histórico, a algo que sucedeu realmente, como foi a incursión viquinga que se produciu no século IX aquí, e que logo se converteu nunha romaría, onde podes coñecer xente doutros lugares e pasar un tempo e unha experiencia marabillosa porque compartes uns valores, culturais incluso", comenta un dos asistentes.