Case 4 anos de cárcere para unha muller en Lugo por apropiarse de 163.000 euros da súa tía anciá
A afectada tiña 89 anos de idade e marchou da casa porque non a trataban ben
A acusada negou os feitos, recoñecendo que fixera esas retiradas de efectivo, pero que o facía por indicación da súa tía, e argumentou que descoñecía o destino dos cartos

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou unha muller a 3 anos e 10 meses de prisión como autora dun delito continuado de apropiación indebida, por quedar con 163.000 euros das contas bancarias da súa tía anciá, coa que convivía.
Segundo recolle a sentenza, a prexudicada, de 89 anos de idade no momento dos feitos, comezou a vivir coa acusada e a súa familia en agosto de 2021, momento en que autorizou a súa sobriña nas súas contas bancarias. A convivencia finalizou en decembro de 2022.
Entre xaneiro e marzo de 2022, a acusada realizou varias retiradas de diñeiro da conta, ata sumar un total uns 163.000 euros. Tras decatarse do ocorrido, a anciá abandonou a vivenda da acusada e, meses despois, presentou un requirimento notarial á súa sobriña para que lle devolvese o diñeiro; ao non conseguilo, presentou unha querela criminal por apropiación indebida.
A acusada negou os feitos no xuízo, recoñecendo que fixera esas retiradas de efectivo, pero que o facía por indicación da súa tía, e argumentou que descoñecía o destino de todo ese diñeiro. Segundo a súa declaración, cando a anciá se foi da súa casa, levouno.
Por contra, a súa tía insistiu no plenario en que a súa sobriña lle quitara gran parte dos seus aforros sen o seu consentimento nin coñecemento, e explicou que se foi do domicilio, sen levar nada de diñeiro, porque non a trataban ben.