Carlos Ares e o Festival da Luz, entre os galardoados nos I Premios da Industria Musical de Galicia
A Sala Capitol acolleu a primeira gala destes premios
Surfing the Lérez e o Festival da Luz reciben recoñecementos destacados
Carlos Ares, artista do ano; Francisco Gómez ‘Gandy’, persoa do ano
Carlos Ares, o Festival da Luz, Surfing the Lérez e a Sala Capitol están entre as persoas e iniciativas premiadas nos I Premios da Industria Musical de Galicia.
Estes galardóns nacen en 2025 para destacar traxectorias e proxectos vinculados coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.
A gala celebrouse na Sala Capitol de Santiago de Compostela, que tamén recibiu o premio ao mellor espazo musical. Presentouna a pontevedresa Tamara García Romero e contou coa actuación de Señora DJ.
Recoñecementos á produción, á comunicación e á posta en escena
A Asociación Galega de Empresas Musicais impulsou a iniciativa co apoio da Xunta de Galicia, a través da Agadic, e da Deputación da Coruña.
Entre as persoas premiadas figuran Juan de Dios, que obtivo o galardón á mellor produción discográfica por Feira, de De Ninghures; e Marina Oural e Ugia Pedreira, premiadas pola mellor posta en escena con Síntese horizonte, de Guadi Galego.
Bring the Noise recibiu o premio á mellor produción de comunicación polo Resurrection Fest Estrella Galicia. O galardón ao mellor videoclip recaeu en Santi Iglesias, Sergio Steel e Fillas de Cassandra por Hibernarse.
Surfing the Lérez e o Festival da Luz, entre os máis destacados
Surfing the Lérez obtivo dous recoñecementos: mellor evento cultural e musical e excelencia na experiencia do público. O premio ao mellor proxecto de sustentabilidade foi para o Festival da Luz.
Carlos Ares foi distinguido como artista do ano e Francisco Gómez Gandy obtivo o premio á persoa do ano.