Cargas policiais e barricadas na novena xornada da folga do metal en Cádiz
Patronal e sindicatos retoman as negociacións para buscar un acordo sobre o convenio
A polémica polo tanque da policía abre un debate político
A novena xornada consecutiva de folga comezou con incidentes na barriada de San Pedro, en Puerto Real. Os antidisturbios intentaron disolver grupos de manifestantes que guindaban obxectos dende as barricadas formadas por colectores. O uso de ácido clorhídrico para queimar obxectos formou un fume tóxico que obrigou a pechar portas e ventás dun colexio próximo.
Esta tarde está convocada unha manifestación en Cádiz "contra a violencia policial", en protesta polas cargas da manifestación de onte. A voceira de Adiante Andalucía pide a dimisión do ministro do Interior.
As críticas a Grande-Marlaska chegan tamén dende o mesmo Consello de Ministros. Yolanda Díaz manifestoulle o seu malestar polo uso dun tanque no dispositivo policial: "Son traballadores, non delincuentes, que están defendendo lexitimamente os seus dereitos".
E dende o PP cren que Díaz intenta desviar a atención da súa responsabilidade. "O que non pode facer a ministra é poñer na diana á policía para agochar a súa responsabilidade para resolver este problema", criticou Ana Vázquez.
A vicepresidenta económica asegura que a intención do Goberno é colaborar na solución ao conflito. "Respecto que poida haber ese malestar, e dende o goberno amosamos dende o primeiro momento a disposición a axudar", dixo Nadia Calviño.
De fondo, a negociación do novo convenio colectivo do sector. Patronal e sindicatos volveron reunirse en Sevilla para intentar chegar a un acordo sobre a suba salarial. O representante da patronal cre que "imos ter que ser xenerosos todos para achegar posturas", e dende os sindicatos advirten: "Isto é un comezo, porque nos quitaron todo, ata o medo".
O sector do metal emprega 20.000 persoas na provincia de Cádiz.