Caos no sector turístico polo conflito en Oriente Medio
As compañías que operan nos aeroportos do Golfo asumen as cancelacións, polo de agora ata o día 10 de marzo
A escalada do conflito en Oriente está xerando caos no sector turístico porque a conectividade de Europa con Asia e Oceanía faise en gran medida a través dos aeroportos de Doha, Qatar e Dubai.
"Iso afectou a infinidade de voos que fan escala aí, ou voos directos que para aí ou escalas para o sueste asiático, para Asia en xeral, para O Xapón, para África Oriental", explica Pedro Fole, director Nautalia Viaxes Santiago
A repercusión mídese a nivel mundial, pero tamén local. Peregrinos procedentes de Oriente están cancelando as súas viaxes a Galicia.
"Empezaron a xurdir xa as primeiras cancelacións, e si que é certo que hai xente que está preocupada polo que vai pasar con vistas aos seus voos", apunta Mar Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
Dende as axencias de viaxes ofrecen asesoramento e queren transmitir tranquilidade.
"Se teñen calquera medo e deciden non viaxar, pois evidentemente axudámoslles a facer os trámites para recuperar os cartos ou cambiar as datas", confirma Pedro.
Aconsellan agardar e non cancelar, sobre todo as viaxes programadas de cara ao verán. As máis inmediatas teñen opción de cambios ou reembolsos así o anunciaron as principais aeroliñas que operan no Golfo.
"Os voos destas próximas datas pois pódense cancelar que non existe ningún tipo de gasto de cancelación para iso", asegura a presiente de AGAVI.
Dende as axencias de viaxe tamén están ofrecendo rutas alternativas.
"Vir con outros voos directos e utilizar outras alternativas que non sexa precisamente pasar por onde está o conflito nestes momentos", conclúe Mar Rodríguez.
Aconsellan, iso si, contratar seguros con boas coberturas e, sobre todo, inscribirse no rexistro de viaxeiros que ofrece na súa web o Ministerio de Asuntos Exteriores.