20 anos da lei antitabaco: cando fumar na consulta do médico era normal
Fai vinte anos da entrada en vigor da lei antitabaco, que prohibiu fumar en espazos pechados como bares ou hospitais
Neste comezo de 2026 fai vinte anos de que entrou en vigor a lei antitabaco. Fumar na consulta do médico, no interior dun restaurante ou dun bar son hábitos impensables hoxe en día pero que viviamos como normais hai dúas décadas.
"Os locais de hostalaría eran nubes de fume", lembra Xavier Freire, propietario da cafetaría Airas Nunes. "Fixemos unha limpeza do local e o teito era como sacar verniz, e iso era a nicotina acumulada durante moito tempo", engade.
Os profesionais da hostalaría foron dos máis beneficiados polo cambio, pero fumar podíase fumar practicamente en calquera sitio. Na rúa aínda están moi presentes as lembranzas daquela época:
"Incluso antes estaban os médicos fumando, e na sala de espera. Fumábase en todos os lados". "Fumaba o médico, fumábase no hospital, no avión...".
Pasaron vinte anos, pero realmente aqueles costumes parecen hoxe doutra vida.
"Cando os meus cativos eran pequenos fumaba o pediatra", rememora unha nai.
Cos anos foise gañando en conciencia:
"Cando naceu a miña filla aínda se fumaba nun ambiente con rapaces. Cando naceu a miña segunda filla a ninguén se lle ocorría sequera sacar un cigarro onde había un bebé".
Cambiou a sociedade, tanto, que incluso as xeracións de agora non dubidan en poñerlle o seu cualificativo ao pasado:
"Paréceme surrealista, a verdade, véxoo moito mellor como está agora", afirma un mozo criado no marco da lei antitabaco.
Pasaron vinte anos, vinte anos de fumar na porta do bar, na rúa, no exterior, vinte anos doutra forma de pensar.