Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cancelan o arresto do presidente surcoreano despois dun enfrontamento co seu servizo de seguridade

Cancelan o arresto do presidente surcoreano despois dun enfrontamento co seu servizo de seguridade

Yoon está á espera de que o Tribunal Constitucional decida de aquí a xuño se o cesan de forma definitiva

Os seus avogados solicitaron unha orde xudicial para anular a orde de detención argumentando que só a Fiscalía pode solicitar ese tipo de arresto

O presidente surcoreano, Yoon Suk-yeol O presidente surcoreano, Yoon Suk-yeol
G24.gal 03/01/2025 09:51

As autoridades cancelaron este venres a operación para deter o presidente surcoreano, Yoon Suk-yeol, despois dun enfrontamento e obstrución por parte do seu servizo de seguridade na súa residencia de Seúl. Buscaban interrogalo por decretar a lei marcial o pasado 3 de decembro.

Un portavoz da Oficina para as Investigacións de Corrupción de Funcionarios de Alto Rango (CIO en inglés) informou de que a operación se cancelou arredor da 13:30 hora local (5:30 hora peninsular española), despois de que 30 axentes deste organismo e 50 policías se encararan durante aproximadamente catro horas co servizo de seguridade presidencial, que se negou a facilitar o acceso ao interior da vivenda. 

Segundo a axencia de noticias Yonhap, 200 axentes de seguridade estaban creando un muro para impedir a entrada, ademais de vehículos que facían imposible o acceso. Tiveron lugar "pelexas físicas grandes e pequenas", polo que decidiron deter a operación para evitar males maiores.

Yoon ignorou xa tres citacións para declarar en relación a súa decisión de decretar a lei marcial. "Determinamos que era virtualmente imposible executar a orde e estabamos preocupados pola seguridade das persoas sobre o terreo debido á obstrución para executala", explicou o portavoz que tamén engadiu que lamentaban a "actitude do sospeitoso, que non acatou os procedementos legais". 

Arredor de 1.200 seguidores do presidente que estaban congregados preto da súa residencia celebraron a noticia con aclamacións. Para evitar altercados, a policía despregou 2.700 axentes sobre o terreo nas proximidades da residencia presidencial, no barrio de Hannam.

Os avogados de Yoon solicitaron unha orde xudicial para anular a orde de detención argumentando que só a Fiscalía pode solicitar ese tipo de arresto, e insistiron en que é "ilegal" tras coñecer que as autoridades estaban dentro do recinto.

No caso de que poidan arrestalo, o equipo conxunto formado polo CIO, a policía e o Ministerio de Defensa Nacional, dispón de 48 horas para interrogar a Yoon e mesmo solicitar unha orde para prolongar a detención se o considera necesario. Yoon, ao que se prohibiu saír do país, foi destituído polo Parlamento o pasado 14 de decembro e está á espera de que o Tribunal Constitucional decida de aquí ao mes de xuño o seu cesamento definitivo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade