Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tribunal surcoreano condena o expresidente Yoon á cadea perpetua pola lei marcial

Un tribunal surcoreano condena o expresidente Yoon á cadea perpetua pola lei marcial

O tribunal considerou que o que terminou sendo un estado de excepción de apenas unhas seis horas tiña o propósito de subverter a Constitución

Chegada do expresidente Yoon ao tribunal, este xoves (Reuters) Chegada do expresidente Yoon ao tribunal, este xoves (Reuters)
G24.gal 19/02/2026 08:52 Última actualización 19/02/2026 09:37

Un tribunal de Corea do Sur condenou este xoves á cadea perpetua o expresidente Yoon Suk-yeol, ao achalo culpable de insurrección pola súa imposición errada da lei marcial a finais de 2024, que desatou unha das crises institucionais máis profundas na historia democrática do país asiático.

Na audiencia presidida polo xuíz Jee Kui-youn, o Tribunal do Distrito Central de Seúl cualificou de insurrección a imposición da lei marcial por parte de Yoon, quen tratou de paralizar a Asemblea Nacional ao enviar o exército e forzas antidisturbios ao Parlamento tras o decreto.

O tribunal considerou que o que terminou sendo un estado de excepción de apenas unhas seis horas tiña o propósito de subverter a Constitución, ao obstruír as institucións constitucionais e socavar os valores democráticos fundamentais. A corte non sentenciou a Yoon coa pena de morte que solicitara a Fiscalía do país asiático, onde hai unha moratoria de facto sobre esta pena.

Ademais de Yoon, o exministro de Defensa Kim Yong-hyun foi sentenciado hoxe tamén a 30 anos de prisión.

As condenas deste xoves súmanse ás pasadas contra o exprimeiro ministro Han Duck-soo a 23 anos de cárcere e o exministro do Interior Le Sang-min a 7 polo seu papel na imposición do estado de excepción.

O encarcerado Yoon declarou a lei marcial o 3 de decembro de 2024 pola noite. O decreto foi bloqueado polo Parlamento unhas horas despois. O exmandatario foi destituído en abril do ano pasado polo Tribunal Constitucional, ao considerar que non había indicios dunha situación de emerxencia que xustificase o decreto.

Ademais da cadea perpetua de hoxe, o expresidente fora xa sentenciado a cinco anos de cárcere o pasado xaneiro por obstrución á xustiza, nun dos catro casos nos tribunais relacionados coa lei marcial presentados contra el.

Miles de manifestantes a favor e en contra do expresidente, algúns destes últimos en bágoas tras escoitaren a sentenza, concentráronse nos arredores do tribunal.

A posibilidade de que se repita un incidente similar ao do 19 de xaneiro do ano pasado, cando seguidores de Yoon irromperon no Tribunal do Distrito Occidental de Seúl en rexeitamento á decisión de estender a súa detención daquela, desatou a preocupación das autoridades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade