Cambia o mercado do luxo: de cousas caras a experiencias exclusivas
Xa non é unha cuestión de posesión, o luxo é vivir experiencias exclusivas conectadas coa emoción
O mercado do luxo está vivindo unha nova etapa. Xa non é só unha cuestión de ostentación e de posesión de bens, o importante é ter o que os demais non poden, sentirse especiais. Triunfan as marcas en que hai listas de espera.
"Produtos difíciles de conseguir moi escasos, que ao mellor non teñen un custo moi elevado, pero si que teñen esa exclusividade", conta Jesús Lorenzo, director xerente de Conservas Peperete.
"Non quere o que ten todo o mundo e o que pode mercar todo o mundo, pero xa non a nivel cartos, a nivel exclusividade", engade José María Fernández, director xeral de Jael Xoiería.
Quen consume luxo busca agora vivir experiencias; iso si, as máis auténticas e memorables.
"Que sexa algo único, singular, que dificilmente vaian poder experimentar na súa vida cotiá e, por suposto, nos seus lugares de orixe" explica Ismael Gotor, responsable de produto de Tourmundial Premium e Utópica Travel.
As viaxes ao espazo son o último capricho dos multimillonarios, pero non o único. Os safaris en África son destinos moi demandados.
"E ter experiencias pois como, por exemplo, facer un sobrevoo en globo aerostático sobre a sabana e ter preparado un almorzo en metade da natureza", continúa.
Escapan da masificación e buscan aloxamentos fóra dos circuítos comerciais.
"Son xente que lles encanta viaxar, non é unha clientela frívola nin ostentosa. O que si que buscan, se buscan luxo é que sexa un luxo discreto pero o que queren é unha experiencia completa", apunta Juan Carlos Alonso, director da Casa Beatnik Country House.
Por segmentos, están en alza as experiencias de alta cociña con selo Michelin.
"Pasamos de ter un tipo de consumo máis material a un pouco máis experiencial. Hai xente, pois, que regala ou que quere vivir experiencias, non só gastronómicas, senón en todos os ámbitos, que cultiven un pouco máis o espírito", conclúe José Cannas, propietario e xerente de Pepe Vieira.