Calor e tempo solleiro na véspera da primavera
Na Capela de San Miguel de Celanova apréciase a chegada do equinoccio
Os veciños encheron as rúas para gozar do bo tempo
Ás 7 e 34 da mañá será o momento en que o sol atravese os arcos da capela de San Miguel, en Celanova, e comece de xeito oficial a primavera.
Este templo milenario foi construído de xeito que os raios do sol entren e saian polas seteiras coincidindo cos equinoccios. Un lugar místico onde o sol se celebra dende tempo inmemorial.
Alén desta curiosidade, hoxe puidemos gozar dun tempo primaveral en toda Galicia e, nas comarcas do sur, mesmo propio do verán.
Temperaturas de ata 23 graos en Ourense ou Celanova e de 20 en Vigo e Pontevedra e ceos despexados co sol lucindo durante toda a xornada. Parques, terrazas e rúas enchéronse de veciños sorprendidos polo clima.
E conta, porque coa chegada da primavera veñen tamén as doenzas asociadas ao cambio de estación como a astenia primaveral ou as diferentes alerxias.