Rescatadas 235 persoas preto das Canarias a bordo de catro embarcacións precarias
Salvamento Marítimo rescatou os caiucos en augas próximas a El Hierro e Lanzarote

Ao redor de 235 persoas, segundo o reconto provisional, foron auxiliados por Salvamento Marítimo durante a noite do sábado ao domingo en augas próximas a Lanzarote e El Hierro, ás que chegaran a bordo de catro caiucos.
Segundo fontes da sociedade estatal, a salvamar Calíope auxiliou dúas embarcacións precarias en augas próximas a Lanzarote que se atopaban en posicións diferentes.
A bordo delas viaxaban 71 e 69 persoas, respectivamente, entre as cales hai oito mulleres e polo menos tres posibles menores, de orixe magrebí e subsahariana.
Todos desembarcaron no peirao de Puerto Naos sobre as oito da mañá, hora local, e están a ser atendidos polo dispositivo de emerxencia despregado no recinto de Arrecife.
Rescates na illa de El Hierro
Salvamento tamén rescatou outros dous caiucos en augas de El Hierro nas últimas horas cunhas 95 persoas en total.
A primeira foi escoltada ata o peirao da Restinga pola salvamar Acrux durante a madrugada, e nela viaxaban 61 persoas, todas elas subsaharianas, entre as que hai 13 mulleres e catro posibles menores.
Máis adiante, sobre as oito da mañá, desembarcaron na Restinga as 34 persoas, todas subsaharianas, dunha segunda embarcación precaria, entre as que hai catro mulleres.