Cae un grupo criminal que roubaba bancos en León e Asturias atando os empregados
Conseguiran un botín de máis de 740.000 euros
A Policía Nacional desartellou unha banda que atracaba bancos en León e Asturias atando os seus empregados con bridas.
Os investigadores considéranos autores de polo menos nove roubos que lles permitiron obter un botín de máis de 740.000 euros.
Hai tres homes detidos, todos naturais de León e con antecedentes policiais. Durante os atracos, tomaban todo tipo de medidas de seguridade para non deixar pegadas. Portaban armas de fogo e sempre ataban a empregados e clientes de mans e pés.
O primeiro dos feitos remóntase a finais de 2016 e as investigacións comezaron en 2019. Tras o primeiro atraco con violencia cometeron outros oito en entidades bancarias co mesmo "modus operandi". Unha persoa quedaba no exterior e dúas entraban no local.
Retiñan ou amarraban as vítimas con bridas en pés e mans, normalmente axeonllándoos. Tamén pechaban a empregados e outras persoas en despachos, almacéns ou baños, mentres levaban outro á caixa forte para lograr o botín. Utilizaban armas para intimidar empregados e clientes.