Cae o muro dun colexio en Ourense sen causar danos persoais
Tamén se produciu unha inundación no patio do colexio
Un muro do colexio Cardenal Cisneros, en Ourense, derrubouse este mércores, posiblemente pola rotura dunha tubaxe, informou Emerxencias, razón pola que houbo que evacuar os alumnos do centro escolar.
O suceso desencadeouse arredor das catro da tarde, e tanto alumnos como profesores víronse obrigados a abandonar as instalacións ao asolagarse o patio.Aínda están a investigarse os feitos, pero polo de agora todo apunta a que a causa podería estar nas obras para a cometida do gas no edificio ao carón do centro.

Foi o propio persoal do centro o que chamou a Emerxencias a primeira hora desta tarde para alertar de que se estaba asolagando o patio do centro ao entrar desde fóra unha gran cantidade de auga.
Rachou unha tubaxe, a auga anegou o patio e a presión fixo que o muro caese.
Desaloxo dos veciños
Ao longo da tarde tomouse a decisión de desaloxar a toda a veciñanza deste edificio da rúa Fonte do Monte.
De feito, non van poder durmir nos seus fogares ata que se comprobe o estado real da estrutura do inmoble e se certifique que non hai perigo.
Tampouco haberá clases no colexio mañá.
"Estabamos a subir todos para clase nese momento cando caeu"
Porén, veciños da zona contaron á prensa que as devanditas obras estaban desde hai semanas paralizadas, polo que puxeron en dúbida que eses traballos sexan a causa da rotura da tubaxe.
"Vimos como empezou a caer auga e caía o muro. Estabamos a subir todos para a clase nese momento cando caeu", dixeron pais e alumnos do colexio, que, ás portas da institución educativa, dixeron descoñecer cando poderán retomarse as clases.

A caída do muro deixou ademais provisionalmente importantes retencións xunto á zona do colexio, xa que a actuación dos equipos de emerxencias dificultou a circulación.
Esta derruba, con caída de cascotes e pedras, é a segunda na cidade, despois da traxedia ocorrida noutro centro educativo, tamén pola caída dun muro, aínda que nese caso con consecuencias fatais, polas perdas humanas.
En outubro falecía un alumno do instituto Julio Prieto Nespereira, situado en Ourense, no barrio do Vinteún; e un segundo alumno resultou ferido tras caer o muro do vestiario dese centro.