Publicador de contidos

Publicador de contidos

Caamaño enxalza á atención primaria polo liderado de Galicia en vacinación infantil

Caamaño enxalza á atención primaria polo liderado de Galicia en vacinación infantil

Ademais o conselleiro de Sanidade asegurou que os cambios nos PAC, para que atendan pacientes os sábados pola mañá, aprobaranse proximamente no Consello da Xunta

G24.gal 18/04/2026 12:47

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou este sábado a contribución da atención primaria ao liderado de Galicia nas taxas de vacinación infantil, onde a comunidade conta co calendario de inmunización máis completo do mundo.

Así o indicou na inauguración da XIX Reunión Anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria en Santiago de Compostela.

Nela refírese á nova ampliación do calendario para incluír reforzos contra a meninxite para adolescentes aos 12 anos e adiantar a segunda dose da vacina do sarampelo para os nados en 2024, que se aplicará a partir de maio.

Tamén puxo en valor o cribado neonatal de 37 patoloxías, fronte ás sete do Sistema Nacional de Saúde, e un investimento histórico de 1.747 millóns de euros en atención primaria para este ano.

Gómez Caamaño lembrou que este semestre presentarase unha reforma do nivel asistencial orientada a reducir a burocracia, flexibilizar axendas e mellorar a organización dos centros de saúde.

Segundo o máximo responsable do Sergas, a Xunta leva anos apostando por fortalecer a atención primaria e, desde 2019, aumentou un 35% as prazas para manter unha cobertura elevada con profesionais da pediatría nos centros de saúde. 

A preguntas dos xornalistas, Caamaño tamén se referiu á reforma do modelo dos PAC para que estes atendan pacientes os sábados pola mañá, unha atención que viñan realizando os centros de saúde.

Os trámites para a aprobación destes cambios seguen adiante e, segundo o titular de Sanidade, aprobaranse proximamente no Consello da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade