Buscan os asaltantes dun home ao que ataron en Carballo para levarlle xoias e cartos
Son catro homes, novos, altos e fortes que entraron na casa coa cara descuberta e falando galego
Leváronlle cartos e xoias e desvalixáronlle a casa en busca dunha caixa forte que non tiña
Petáronlle na porta contra as dez da noite e, en canto abriu, empezou o seu inferno.
"Entraron e preguntáronlle: que prefire: que o atemos ou que lle deamos unha malleira? El preferiu que o ataran. Eran uns mozos altos, delgados, falaban galego, e ían coa cabeza descuberta pero el mesmo lle dixo á Garda Civil que non podía identificalos", relata Pilar, a cuñada da vítima, a primeira en auxilialo.
Atárono de pés e mans, e tapáronlle a boca cunha cinta e empezaron a remexer canto había.
"Removéronlle todo, a roupa, levantáronlle sofás, alfombras, cortáronlle o colchón, separaron a neveira, ..., todo, todo", engade Pilar.
"Os cartos que teño están no peto do pantalón, collédeos, e preguntáronlle polo xoieiro e díxolle que estaba enriba da mesa de noite e que levaran todo o que quixeran, pero remexéronlle todo porque buscaban a caixa forte. El non ten caixa forte, nin tiña cartos na casa, só os que levaba no peto", explica Marisa, a irmá do asaltado.
Dúas horas tardou en zafar das bridas dos pés e, como puido, chegou á casa do irmán, que linda horta con horta.
"Xa o vimos atado e traía as mans inchadísimas e negras, sen circulación. Cortámoslle as bridas", aclara Pilar.
A investigación corre a cargo da Unidade de Patrimonio da Garda Civil, pero, de momento, non hai detidos. Todo apunta a que sabían a onde ían.
"Tiña a súa cadea, andaba co reloxo ou coa pulseira..., co ouro andaba e cos cartos á vista tamén. Non anda coa carteira e sacan os cartos no bar e pagan así", lamenta Marisa
Cren que levaban días controlando os seus hábitos. Sofán é unha aldea tranquila de Carballo, onde hoxe mesmo, malia o susto que teñen no corpo, portas e ventás seguen abertas.