Buscan o autor do disparo que acabou coa vida dunha gata en Boborás
Os donos do animal atopárono malferido e as radiografías que lle fixeron na clínica veterinaria revelaron que fora vítima dun disparo cunha escopeta de balotes
Raquel recíbenos con Cloe en brazos. É a irmá de Meli, a gatiña que faleceu a pasada fin de semana vítima dun disparo.
"O sábado á noite, cando chegamos de traballar, atopámola á porta da casa, berrando, e xa vimos que tiña o ollo desfeito", di Raquel Gómez, a dona da gata.
"Primeiro pensamos que fora un golpe dun coche, aínda que non adoita ir á estrada, e levámola ao hospital", engade Baltasar Caramés, parella de Raquel.
Foi na clínica veterinaria onde descubriron o que pasara. As radiografías amosan un balote, aloxado nas cervicais.
"Atravesou o ollo, a canle auditiva e aloxouse nas cervicais. Debeu tocar algunha parte do cerebro e foi o que lle provocou a morte", explica Raquel, con bágoas nos ollos.
Inmediatamente, puxeron unha denuncia na Garda Civil, que se desprazou ata a vivenda para iniciar a investigación, da que se fará cargo o Seprona.
"Queremos evitar que volva pasar. Estamos pedindo axuda, difusión, para ver se se pode atopar o culpable e que pague". "Nunca sabes quen puido ser e non podes sospeitar de ninguén. Denunciamos perante a Garda Civil e o Seprona para que investiguen eles", sinalan ambos os dous.
A casa desta parella semella un santuario animal. Ademais de cans e gatos, teñen cabalos, galiñas, cabras... Están desolados co acontecido e decidiron darlle visibilidade para evitar que se repita, xa que non é a primeira vez que ocorre.
"Segundo nos comentaron, a unha señora pasoulle o mesmo. Non lle morreu o gato pero tiña un balote na cabeza. E despois desapareceulle outro gato", comenta Baltasar.
Instaláronse aquí tras a pandemia, buscando tranquilidade e contacto coa natureza, e lamentan a crueldade de quen realizou o disparo.