Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan o atracador que quixo roubar nunha libraría de Sanxenxo disfrazado de muller

Buscan o atracador que quixo roubar nunha libraría de Sanxenxo disfrazado de muller

O vestiario era tan estrafalario que o dono do negocio, en Noalla, pensou que era "un choqueiro"

O home fuxiu nun Seat Toledo de cor azul escuro, que podería andar pola zona

G24.gal 16/10/2025 14:27

Perruca das malas, máscara, lentes de sol, suadoiro e unha saia que lle chegaba ata os pés. 

"O meu marido pensaba que era unha broma porque cando o veu entrar pola porta dixo: 'O que aí vén', porque parecía un choqueiro", conta Belén Moldes, propietaria da librería.

Parecía unha broma de tan mal gusto como o propio estilismo, pero de broma tivo pouco. 

"Entrou coas mans nos petos e cando chegou aquí, sacou unha arma e díxolle ao meu marido que lle dera todos os cartos. O meu marido quedou: 'ti que dis'?", engade a libreira. 

Unha pistola que aínda non está claro se tamén formaba parte do disfrace. A Garda Civil está a analizar as imaxes das cámaras de seguridade, pero ten pinta dun ladrón con pouca experiencia. 

"Ás dez da mañá, tes o cambio e pouco máis. Se aínda fora a última hora da noite", confesa Belén Moldes. 

Co que non contaba o atracador vestido de muller foi coa oposición dos propietarios.

"El meteuse por aí e o meu marido o primeiro que fixo foi agarrarlle a man no que tiña a pistola e entón forcexaron e, co peso dos dous, caeron contra ese portarrolos, por iso se mancou no lombo. Se o pensas friamente, non o farías porque eu ao saír do almacén tamén pensei que puidera ter un coitelo ou algo así", explica a muller. 

Ben ou mal, polo menos conseguiron frealo e tamén os datos suficientes para seguirlle o rastro. 

"Tiña o coche aparcado ai un pouco máis adiante e viña el só porque entrou no lado do condutor. Arrancou pero deunos tempo de coller a matrícula. Era un coche antigo, un Seat Toledo azul escuro", confirma a libreira. 

O libreiro de Noalla xa recibiu a alta, pero segue co corpo mazado, e o atracador mal disfrazado segue en paradoiro descoñecido. Non está identificado, pero, segundo parece, o coche anda pola zona. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade