Buscan dous individuos que dispararon contra un motorista desde un coche en Vilagarcía
O tiroteo rexistrouse este venres na contorna do Cornazo e o ferido ingresou no hospital do Salnés onde o atenden por feridas de bala

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía buscan os autores dos disparos que feriron de bala un home na rúa Cíes, na parroquia de Cornazo, en Vilagarcía.
Dos primeiros datos da investigación transcendeu que os supostos autores da agresión viaxaban nun turismo, mentres que a vítima, de 45 anos, ía a bordo dunha moto. Trasladárono ao servizo de urxencias do hospital do Salnés, ao parecer con feridas nunha perna, pero non se informou do seu prognóstico. Parece que ten unha ferida con orificio de entrada e saída nunha coxa, pero que non están comprometidas arterias circulatorias importantes.
Malia que a hipótese dun axuste de contas relacionado con asuntos de drogas está sobre a mesa, polo de agora non hai confirmación oficial sobre os motivos do violento suceso.
Sería este o cuarto tiroteo que transcendeu en terras do Salnés nos últimos anos, dos que 2018 foi o que tivo máis sucesos deste carácter, xa que en dous meses houbo tres episodios deste tipo.
Unha despregadura policial importante trata de dar cos autores do tiroteo.