Abre a AG-53, cortada desde a madrugada tras irse fóra da vía un coche e envorcar un camión en Punxín
Abre a AG-53, cortada desde a madrugada tras irse fóra da vía un coche e envorcar un camión en Punxín
O tráiler envorcou tras tentar esquivar un turismo sinistrado que estaba no medio da vía
O camioneiro tivo que ser excarcelado e o condutor do turismo sufriu feridas graves nas pernas
Cumpriu habilitar un trazado alternativo pola estrada nacional ata que un guindastre conseguiu retirar o remolque
Máis de nove horas permaneceu pechado un tramo da autovía AG-53, que xunta Ourense con Santiago de Compostela, despois de producirse un accidente á altura do concello de Punxín, preto da cidade das burgas, as catro e media desta madrugada.
Un turismo íase por fóra da vía e quedaba atravesado no medio da estrada. Un camión que circulaba pola zona, non puido evitar o obstáculo, e tras arrastrar o coche varios metros acabou envorcando e bloqueando automaticamente a autovía, nun tramo de cinco quilómetros en dirección Ourense que vai dende o viaduto do Barbantiño ata a autoestrada A-52.
"Cando chegaron os compañeiros atoparon un vehículo que hipoteticamentemedia estaba detido no medio da vía por unha previa colisión contra a medianeira, veu un camión e bateu nel. E foi cando envorcou o camión", relata Rubén Gómez, cabo de Bombeiros do Carballiño.
Ao lugar acudiron a Garda Civil de Tráfico, urxencias médicas e os bombeiros do Carballiño, que tiveron que excarcerar o condutor do camión, e rescatar o do turismo.
"Tiveron que excarcerar ao camioneiro, que estaba atrapado mecanicamente, aínda que fisicamente estaba bastante ben. Logo buscaron ao condutor do outro vehículo, que o atoparon caído fóra da autovía, nun noiro entre unha silveira, e evacuárono", explica Rubén Gómez.
Os condutores, ámbolos dous veciños de Ourense, foron trasladados ao complexo hospitalario de ourense e aínda que o que guiaba o camión recibiu a alta, o do turismo presentaba feridas graves nas pernas. Segundo informacións da investigación, o varón que guiaba o coche deu positivo en alcolemia e estase a comprobar se o vehículo tiña a inspección técnica e o seguro obrigatorio en orde.
Mentres se retiraba o camión envorcado, os axentes tiveron que habilitar un tramo alternativo pola nacional N-541, aínda que preto das dúas do serán, a vía quedou expedita. A Garda Civil de Tráfico apela á responsabilidade dos condutores e insiste en lembrar que condución e alcol son incompatibles.