Burela e Melilla cítanse na final da Copa da Raíña de fútbol sala
Emilly e Dany remontaron o gol de Laura Uña para o Poio no derbi galego e meteron na final ás da Mariña
O Castro non puido co Melilla, co que caeu a penaltis, e non haberá final galega mañá (16:00h)
Non haberá final galega na Copa da Raíña de fútbol sala que se está a disputar en Cartaxena. As dúas semifinais resolvéronse con senllas remontas, do Melilla sobre o Castro na primeira, e do Burela sobre o Poio Pescamar no enfrontamento entre conxuntos da terra.
A segunda semifinal resolveuse no treito final. Poio e Burela chegaron sen goles aos minutos decisivos. Adiantou ás pontevedresas Laura Uña aproveitando un balón morto. Pero quedaban aínda 13 minutos e o Burela foi quen de darlle a volta á semifinal.
Primeiro igualou Dany, recollendo tamén un rexeitamento despois dun disparo de Antía. E, cando faltaban menos de cinco minutos psrs o remate do encontro apareceu Emilly Marcondes. Cunha xogada persoal, a brasileira elixida mellor xogadora do mundo en 2024 desatascou a eliminatoria, para despexar o camiño das da Mariña á final de mañá.
Enfronte non vai estar o Castro, que protagonizou unha gran Copa da Raíña, pero non puido culminala dando conta do Melilla na primeira semifinal. O tempo regulamentado rematou con empate a dous, logo dos goles de Ana Luiza e Nega para as melillenses, e de Dani Sousa e Antía para as galegas.
A quenda de penaltis chegou ao sexto lanzamento. Nega marcou para o seu equipo. E Camila Costa non puido transformar o seu para continuar coa quenda. Mágoa para un Castro que chegaba por primeira vez ás semifinais do torneo.
A final entre Burela e Torreblanca Melilla comeza mañá ás 4 da tarde.