Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas quere poñer unha taxa de 2 euros a compras de plataformas como Temu e Shein

Bruxelas quere poñer unha taxa de 2 euros a compras de plataformas como Temu e Shein

O comisario europeo de Comercio asegura que a proposta non se trata dun novo "imposto", senón dunha taxa para "compensar" o custo que supón a xestión do inxente número de paquetes nas aduanas

A taxa recaería sobre as plataformas e o recadado iría ao orzamento comunitario

Reuters Reuters
G24.gal 20/05/2025 18:43

A Comisión Europea quere impoñer unha taxa de dous euros á entrada na Unión Europea de pequenos paquetes, na súa gran maioría procedentes da China a través de plataformas dixitais como Temu ou Shein.

O comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, confirmou esta proposta durante unha comparecencia ante a Comisión de Mercado Interior e Protección do Consumidor do Parlamento Europeo.

O comisario defendeu que esta "enorme inundación" de paquetes ao bloque "representa un novo desafío para o control, a seguridade" e a tarefa de asegurar que todos estes produtos cumpren cos estándares europeos. "Estamos a falar de dous euros por paquete pagos pola plataforma. E se é por servizos ofrecidos polos almacéns onde eses paquetes son almacenados, é mesmo menos, de 0,50 euros", explicou o eslovaco ante os eurodeputados.

O comisario de Comercio subliñou que non se trata dun novo "imposto", senón dunha taxa para "compensar" o custo que supón a xestión do inxente número de paquetes que teñen que xestionar as autoridades de aduanas.

Bruxelas puxo así cifra a unha iniciativa que xa avanzou nun documento presentado en febreiro deste ano no que pedía acelerar as negociacións para adoptar a proposta que busca reformar o funcionamento da Unión Aduaneira e que tamén incluía novas medidas como este recargo aos pequenos envíos.

Naquel texto, o Executivo comunitario indicaba que o 91 % de todos os paquetes cun valor inferior aos 150 euros chegados á UE en 2024 a través de plataformas electrónicas procedían da China e representaban un volume que se dobrou con respecto ao ano anterior ata alcanzar os 4.170 millóns de produtos.

A pesar destes datos, Sefcovic asegurou que Bruxelas deseñou a súa proposta de maneira que non sexa "discriminatoria" e detallou que esta nova taxa, que recaería sobre as plataformas, sería recadada polas autoridades de aduanas e despois trasladada ao orzamento comunitario.

"Esta é a mecánica que propoñemos, pero agora estamos ao principio do camiño", advertiu o titular europeo de Comercio.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos