Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas desenténdese do gasoducto polos Pireneos

Bruxelas desenténdese do gasoducto polos Pireneos

A Comisión lembra que non é un Proxecto de Interese Común

España insiste na idea, pese á oposición de Macron

Antón Montero 06/09/2022 20:52 Última actualización 06/09/2022 21:04

Bruxelas evita apoiar as demandas do Goberno español para completar o MidCat, o gasoducto entre España e Francia polos Pireneos. A Comisión recoñece que o proxecto agora mesmo non contaría con fondos europeos.

As autoridades comunitarias prefiren esperar a que Francia e España cheguen a un acordo, din que é cedo para ter unha opinión formal e botan en falla unha análise conxunta sobre a viabilidade da tubaxe. 

Lembra tamén que o gasoduto non forma parte dos Proxectos de Interese Común da UE e pecha a porta por agora ao seu financiamento con fondos europeos.

Con todo, o goberno español non tira a toalla. A ministra para a Transición Ecolóxica minimizaba a oposición do Goberno francés. Teresa Ribera pide agardar a escoitar a opinión dos demais socios europeos na xuntanza de ministros deste venres.

"A cuestión é qué pensan o resto dos socios da Unión Europea. Se Francia ten problemas, hai que axudar a Francia. Se os demais teñen problemas, hai que pensar en como axudalos. Será un debate que non creo que se poida pechar polo pronunciamento dun só país", considera Ribera.

Tamén Pedro Sánchez se mantén firme no que insiste en que é un asunto de solidariedade.

"Non imos renunciar. Aquí non estamos falando dunha cuestión bilateral con Francia, senón de como reforzar as alternativas de subministración enerxética ao conxunto da Unión Europea", di o presidente do Goberno.

O presidente francés Emmanuel Macron dixo este luns que a nova conexión non fai falla porque os dous gasodutos que xa existen están infrautilizados e porque a nova tubaxe non encaixa cos obxectivos da transición ecolóxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade