O Pazo acaba rendido á calidade de Markus Howard (79-88)
O escolta do Baskonia anotou 29 puntos, con cinco triplas e 32 de valoración
O Breogán aguantou ata o último cuarto todos os intentos de fuxida dos visitantes, pero acabou perdendo
A calidade dun xogador diferencial como Markus Howard decidiu o partido entre o Breogán e o Baskonia (79-88). O escolta asinou 29 puntos, cinco triplas e 32 de valoración. Cando el estivo na pista o seu equipo logrou un +18.
Entrou moi forte no partido o equipo vitoriano. Howard tivo un gran socio en McIntyre e entre os dous asociáronse para gozar dunha vantaxe de once puntos (11-22). O Breogán fixo a goma ao longo de todo o primeiro tempo. Conseguiu recuperar contra o final do primeiro cuarto (19-23) e púxose a dous puntos mediado o segundo cuarto (31-33). Pero un 0-9 volveu poñer a Baskonia por diante e permitiulle ir ao descanso doce arriba (37-49).
O encontro semellaba decidido mediado o terceiro cuarto (44-62), pero o Breogán tirou de caste e empurrado polo público conseguiu poñerse a seis (57-63).
Nesa dinámica se mantivo o partido ata a volta ao parqué de Howard con 67-73. O escolta tirou de calidade e anotou dúas triplas seguidas, unha delas con tiro libre adicional para coller unha vantaxe que xa sería definitiva.