Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bolsonaro non alude á vitoria de Lula pero di que seguirá fiel á Constitución

Bolsonaro non alude á vitoria de Lula pero di que seguirá fiel á Constitución

Compareceu 45 horas despois da confirmación da súa derrota electoral

Desautorizou os métodos dos camioneiros que bloquean as estradas

G24.gal 01/11/2022 21:14 Última actualización 01/11/2022 23:07

O presidente brasileiro Jair Bolsonaro pronunciouse este martes sobre os resultados dos comicios do pasado domingo. Sen aludir á vitoria de Luiz Inácio Lula da Silva, asegurou que seguirá "sendo fiel á Constitución".

Bolsonaro perdeu as eleccións por unha diferenza de 1,8 puntos fronte a Luiz Inácio Lula da Silva, e ata o de agora, 45 horas despois de confirmados os resultados, aínda non se pronunciara nin se vira en público desde a mañá do domingo, cando votou no Río de Xaneiro.

Nun pronunciamento na súa residencia oficial, Bolsonaro non fixo alusión ao resultado, non recoñeceu a súa derrota nin cantou vitoria nin tampouco tivo o xesto democrático de felicitar o líder progresista, xa proclamado como presidente electo.

Agradeceu aos 58 millóns de electores que o votaron o pasado domingo a súa confianza e expresou a "honra" que significa "ser o líder" desas persoas que, como el, defenden os valores conservadores que están impresos no seu lema: "Deus, Patria e Familia".

"A dereita xurdiu de verdade neste país", declarou arroupado por ministros e parlamentarios da súa base aliada. Tras a declaración de Bolsonaro, o ministro da Presidencia Ciro Nogueira si se referiu a Lula como "presidente electo".

"Conforme á lei, iniciaremos o proceso de transición", indicou Nogueira, co cal despexou as dúbidas que aínda este martes deixou sementadas o líder da ultradereita no seu pronunciamento.

Estradas bloqueadas

No medio do silencio de Bolsonaro, grupos de camioneiros bloquearon estradas en case todo o país desde a madrugada do luns e, segundo varios integrantes dese movemento, a protesta só acabará cando "o Exército interveña" para "impedir que volva o comunismo".

Sobre as protestas, dixo que "os movementos populares son froito da indignación e sentimento de inxustiza por como se deu o proceso electoral".

Agregou que "as manifestacións pacíficas sempre serán benvidas", pero reforzou que os seus métodos "non poden ser os da esquerda, que sempre prexudicaron a poboación, como a invasión de propiedades, a destrución de patrimonio" e non permitir "o dereito de ir e vir".

Recoñecemento internacional

O triunfo de Lula foi recoñecido por todas as institucións do país, por todos os partidos, entidades empresariais e por máis dun cento de gobernantes estranxeiros, que felicitaron o líder progresista ou conversaron con el por teléfono.

O presidente da Arxentina Alberto Fernández mesmo decidiu viaxar a São Paulo este luns para saudar a Lula e felicitalo persoalmente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade