Publicador de contidos

Publicador de contidos

Quen vota? Que se vota? Claves para entender as eleccións en Marrocos

Quen vota? Que se vota? Claves para entender as eleccións en Marrocos

Unha cita marcada polo desencanto e a pantasma da abstención

Trátase dunhas eleccións con importantes diferenzas sobre o modelo europeo

REUTERS/Ahmed Eljechtimi REUTERS/Ahmed Eljechtimi
G24.gal 23/09/2026 08:55

Marrocos celebra este mércores unhas eleccións lexislativas das que sairá o novo Goberno e os 395 deputados do seu Parlamento por un período de cinco anos.

Unha cita marcada polo desencanto e a pantasma da abstención. Trátase dunhas eleccións con importantes diferenzas sobre o modelo europeo. Por exemplo, non se permiten as enquisas, o xefe de Goberno non necesariamente ten que ser candidato e o Palacio Real está estreitamente vinculado a carteiras estratéxicas do Executivo, os chamados "ministros de soberanía". 

Que se vota?

Marrocos é unha monarquía constitucional na que o rei Mohamed VI, tamén considerado "Comendador dos crentes", conserva importantes poderes executivos. Cada cinco anos, as lexislativas renovan a Cámara de Representantes (Parlamento), con 395 membros elixidos mediante un sistema proporcional de listas.

A repartición de escanos calcúlase sobre os electores rexistrados en cada circunscrición e non sobre os votos válidos emitidos, unha fórmula que favorece a fragmentación parlamentaria, fai imposible que un partido obteña a maioría absoluta e obriga a formar gobernos de coalición.

Os escanos divídense en circunscricións locais (305) e rexionais (90). Marrocos afronta estes comicios cunha representación feminina aínda limitada: só seis mulleres accederon á actual Cámara de Representantes (Cámara Baixa, 395 escanos) tras competir con candidatos homes, mentres que os 90 restantes (22,8 % da Cámara) obtiveron o seu escano a través dunha cota feminina.

Nas eleccións lexislativas de Marrocos, as mulleres, de acordo con esa cota, concorren por dúas vías diferentes: un total de 92 circunscricións locais mixtas, competindo cos homes, e 12 rexionais, estas últimas reservadas exclusivamente a candidatas. Segundo a Constitución, o rei nomea o xefe de Goberno entre o partido político que quedase en primeira posición nas eleccións á Cámara de Representantes, atendendo aos resultados obtidos.

Non é necesario que sexa candidato, senón que pertenza ao partido máis votado. Ademais, hai carteiras estratéxicas con relación directa co Palacio: Asuntos Relixiosos, Defensa, Interior e Relacións Exteriores.

Quen vota?

Para votar é necesario ser maior de idade e inscribirse nas listas xestionadas polo Ministerio do Interior, institución que organiza as eleccións. Esta vez hai 15,8 millóns de rexistrados, cifra que segundo o Consello de Europa é netamente inferior á das eleccións precedentes e moi por baixo da poboación que se estima en idade de votar, 28 millóns segundo as estatísticas.

Ademais, só o 3 % son novos, o cal evidencia a falta de interese no sistema electoral un ano despois do xurdimento do movemento xuvenil GENZ212, que pedía melloras sociais e quedou diluído tras miles de detencións.

Dos rexistrados para votar, unha gran porcentaxe abstense: un 57 % en 2016 e case un 50 % en 2021. Os analistas vaticinan unha importante abstención o día 23. 

E a diáspora?

A Constitución recoñece o dereito a voto dos marroquís que viven no estranxeiro -máis de cinco millóns, unha das principais fontes de ingresos de divisas do país-, pero non existe o voto por correo ou urnas nos consulados.

O marroquí residente no exterior debe viaxar a Marrocos para votar ou autorizar a un familiar ou coñecido rexistrado para que vote no seu nome mediante unha plataforma dixital do Ministerio de Interior. 

Como funciona o sistema electoral?

A estas eleccións preséntanse 7.288 candidatos agrupados en 1.850 listas de 28 partidos para disputar os 395 postos no Parlamento, máis de 18 aspirantes por cada escano. As mulleres representan o 36,47 % das candidaturas rexistradas, impulsadas pola cota mínima (90 escanos) e un avance nas cabezas das listas locais. O 57 % dos deputados do actual Parlamento volve presentarse. E polo menos 15 lexisladores, segundo medios locais, cambiaron de partido apresuradamente nun mes para garantir o seu asento. 

Cales son os principais partidos?

Os tres partidos que gobernaron Marrocos desde 2021 e se perfiilan como posibles gañadores destas eleccións son RNI, PAM e Istiqlal: Agrupación Nacional de Independentes (RNI, centrodereita), formación do actual presidente do Goberno o millonario Aziz Ajanuch. Autenticidade e Modernidade (PAM, liberal). Principal rival do RNI e con protagonismo crecente tras fichar a Fouzi Lekjaa, presidente da Federación Marroquí de Fútbol e favorito para acceder á Xefatura de Goberno, segundo expertos locais.

Istiqlal (PI, nacionalista), encabezado polo ministro de Obras Públicas e Auga Nizar Baraka. Fundado en 1944, o máis antigo dos grandes partidos marroquís conta cun importante bastión electoral nas provincias do Sahara Occidental.

A oposición está liderada polo islamista Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (PJD), que gobernou unha década (2011-2021) e agora apenas conta con 13 escanos.

A Unión Socialista de Forzas Populares (USFP, membro da Internacional Socialista), o Partido do Progreso e Socialismo (PPS, excomunista) e o Movemento Popular (MP, berberista) son tres formacións históricas que aspiran a recuperar o peso perdido.

Liberdades, as liñas vermellas

Tras a represión do GENZ212 -máis de mil procesados e 660 en prisión-, organizacións civís internacionais como Amnistía Internacional e Human Rights Watch alertan dun aumento da represión no país.

A Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH), a máis critica, considera que existe unha regresión nas liberdade de expresión e prensa. En Marrocos existe unha marxe de crítica contra o Goberno, pero hai tres ámbitos considerados liñas vermellas cuxa vulneración pode ser castigada pola lei: a monarquía, a relixión e a integridade territorial, que inclúe o concepto de soberanía marroquí sobre o Sahara Occidental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade