Boas perspectivas de ocupación hoteleira en Ourense para Semana Santa
Hai hoteis onde xa empezan a escasear os cuartos libres
E xa con vistas á Semana Santa son moitos os que apuran as reservas para eses días de vacacións. Faltan quince días, pero aínda así semella que é mellor non deixalo para o último momento.
Hai hoteis onde xa empezan a escasear os cuartos libres.
En moitos deles de feito as reservas para estes días festivos que están por vir comezaron hai semanas.
E non só na cidade de Ourense, senón tamén nos balnearios ou noutro dos lugares preferidos polos turistas, como a Ribeira Sacra. Agora con moi boas perspectivas de ocupación para a Semana Santa confían en que a meteoroloxía poña tamén da súa parte.
No hotel Novo Cándido en pleno centro histórico de Ourense seguen a recibir chamadas, reservas, para a Semana Santa, pero o certo é que apenas lles quedan xa un par de cuartos libres. Victoria Novelle, Hotel Novo Cándido:
"Quedan quince días, pero suponse que vai ser o cen por cento, completo. Semana Santa, Entroido, todo, é que este foi un ano moi bo".
E semella ser moi bo en xeral, os máis dos hoteis da cidade están preto de colgar o cartel de completo. Pero tamén outra das zonas con maior atractivo turístico da provincia de Ourense: a Ribeira Sacra. O parador de Santo Estevo, por exemplo, dispón de 77 cuartos. Aquí as reservas comezaron hai meses. Miguel Castro, director do Parador de Santo Estevo:
"Dende o venres 21 de marzo ata o domingo 31 de marzo estamos a un noventa por cento de ocupación no hotel, e o xoves, o venres e o sábado santo estamos cheos dende hai moitas semanas".
Moitos destes turistas chegarán en tren, onde xa empezan a escasear as prazas en Semana Santa , en hoteis coma este situados a apenas uns metros da estación saben que veñen días de moito traballo. María Oitavén, recepcionista do Hotel Alda Estación Ourense:
"Por agora temos unha ocupación de arredor do 70 ou o 75 por cento nos días que son festivos, pero si que contamos con ter máis ocupación. O ano pasado tivemos unha media do 94 por cento toda a semana e contamos con repetilo este ano".
Alta ocupación tamén nos catamaráns ou nos balnearios, o de Laias, por exemplo, está case completo durante a fin de Semana de Semana Santa. Agora confían en que a meteoroloxía dea unha tregua e que o bo tempo permita colgar o cartel de completo.