Boa estrea do Pontevedra cun empate diante dun dos favoritos (1-1)
O Alcorcón adiantouse cun gol de Babín pero Abelenda empatou para os granates
O Pontevedra estreábase na 1RFEF en Pasarón diante dun dos favoritos na categoría, o Alcorcón. Ao final do encontro, empate a un gol e os pontevedreses completando un bo partido no que, se cadra, mereceron algo máis.
Comezou ben o Alcorcón, liderados no centro do campo por Javi Lara pero pronto atopou o Pontevedra o seu mellor fútbol. Á media hora recibiron unha boa labazada co tanto de Babin pero a reacción foi inminente. Brais Abelenda, antes do descanso, anotaba o gol do empate.
Os mellores minutos do partido para o Pontevedra foron os primeiros vinte do segundo tempo. Houbo ocasións de Miguel Román, Rubio e Rufo para marcar o segundo. Esa presión foi caendo e o Alcorcón pechou o partido con algún aviso sobre a porta de Cortés.