O alcalde de Ames avisa: "As persoas que encobren delincuentes non deberían ter cabida no PSOE"
O rexedor socialista Blas García critica a mala xestión de Besteiro no caso Tomé e pide unha reflexión interna no partido
Cre que se non se pon remedio a esta situación, o PSdeG pagará a factura nas próximas eleccións
Esta mañá, en entrevista á RG, o alcalde de Ames, o socialista Blas García, falou con contundencia sobre os últimos casos de acoso sexual que salpican ao PSdeG. García trasladou que todo indica que estes feitos eran coñecidos pola dirección do PSdeG e que as persoas que encobren o acoso, que é un delito, destacou, non deberían ter cabida dentro do partido.
"Sigo pensando o mesmo. Aquelas persoas que encobren os delincuentes non teñen cabida no Partido Socialista. Todo o que se vai coñecendo indica que se sabía desde hai tempo na dirección do PSdeG que había casos de acoso sexual polo menos a unha vítima, agora son máis as que denunciaron xa".
O rexedor de Ames criticou a mala xestión de Besteiro na denuncia por acoso sexual que implica o expresidente da Deputación de Lugo, Xosé Tomé, e pídelle ao secretario xeral dos socialistas que vaia un paso máis alá. Cre que cómpre abrir un proceso de reflexión interna no partido e engade que no seu caso xa dimitiría.
"Isto non debe quedar en conferencias de prensa ou cartas que nos mande a militancia, debe ir un paso máis alá e xuntar o órgano do partido para debater o que pasou. Eu sigo dicindo que no seu caso xa tería dimitiría" (referíndose a Besteiro).
Sobre se foron posibles manobras dentro do partido as que fixeron transcender o caso de Tomé, o rexedor de Ames puxo de manifesto que poñer o foco no "fogo amigo" é mirar para outro lado sen buscar unha solución real. O problema é que hai vítimas, subliñou, e cómpre poñer remedio á situación. O que está claro, aseverou, é que tanto Besteiro como a dirección do partido eran coñecedores destes feitos.
"Besteiro e a secretaría de organización tanto provincial como galega si coñecían que había unha vítima, porque a nai eu considero que tamén é unha vítima, non directa, pero si indirecta, e poñámonos no caso se nós fósemos pais ou nais dunha vítima, como procederiamos. Co cal, falar de fogo amigo, a min paréceme mirar para outro lado sen buscar unha solución real".
Preguntado pola denuncia de acoso laboral contra Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, o alcalde de Ames ten claro que se se trata dunha querela falsa, acudiría aos tribunais por difamación. Referíase así ás palabras de Valcárcel, quen se defendía nas últimas horas alegando que o caso de acoso laboral no que está implicado saíra á luz para desviar a atención da denuncia contra o ata agora presidente da Deputación de Lugo.
Sobre os manifestos asinados nos últimos días por membros do partido, Blas García remarcou que tanto a militancia de base como os altos cargos institucionais do PSdeG senten vergoña e indignación polo acontecido e o que piden son solucións.
O alcalde de Ames manifestou sentirse decepcionado con Besteiro, en quen dixo que perdeu a confianza. Considera que os casos de acoso impactarán no devir do partido e que se non se remedia esta situación, o PSdeG pagará a factura nas próximas eleccións.