Bimba y Lola incrementa as súas vendas un 6 % no primeiro semestre
A mellora foi xeral, con rexistros positivos tanto en España como no resto de países, cun aumento do 8 % da súa canle en liña
Bimba y Lola
A compañía téxtil viguesa Bimba y Lola incrementou as súas vendas un 6 % no primeiro semestre do seu exercicio fiscal, en comparanza co mesmo período de 2025, grazas a un aumento da súa facturación tanto nas súas tendas físicas como en liña.
Nun comunicado, a empresa sinalou que, o mesmo que en 2025, o motor do seu crecemento foi a boa evolución das súas vendas comparables.
Nos mercados, a mellora foi xeral, con rexistros positivos tanto en España coma no resto de países. Deste xeito, o negocio internacional representou o 47 % da súa facturación total.
O crecemento tamén se estendeu ás distintas canles, físicas e dixitais, engaden. A rede de tendas, con 321 puntos de venda en 34 países de Europa, América e Asia, elevou as súas vendas un 5 % no primeiro semestre. En canto ás plataformas dixitais, creceron un 8 % e achegaron o 20 % do negocio total do Grupo.
"Estas cifras poñen un peche positivo ao primeiro verán das tendas pop-up de Cala Bimba que a marca abriu este ano en Menorca, Tarifa e Sanxenxo", reivindicou a empresa.