Biden culpa a Trump de antepoñer a súa ansia de poder á democracia
Este 6 de xaneiro do 2022 é o primeiro aniversario do asalto ao Capitolio
Nunha mensaxe á nación, di que o expresidente creou unha rede de mentiras sobre as eleccións porque non acepta a derrota
Cúmprese un ano do asalto ao Capitolio nos Estados Unidos e o presidente Joe Biden dirixiuse á nación para responsabilizar a Donald Trump do ataque.
Biden culpou o seu antecesor de antepoñer a súa ansia de poder á democracia. E de non aceptar que perdeu as eleccións de 2020.
O expresidente republicano aínda non recoñeceu a súa derrota nas urnas, e segue diseminando as falsidades sobre a presunta fraude electoral de Biden. Unha fraude que foi rigorosamente desmentida.
Aínda así, as feridas políticas permanecen. Segundo unha enquisa da radio NPR e a axencia Ipsos, dous de cada tres votantes republicanos cren que Biden gañou grazas á estafa. E máis da metade cre que Donald Trump é o presidente lexítimo.
Agora Biden e os demócratas aproveitan politicamente este aniversario, mentres os republicanos negan a insurrección ou se poñen de perfil.
O país está tribalizado, dividido. O próximo novembro é posible que os republicanos recuperen o control das dúas cámaras do Congreso. Para 2024, a gran pregunta é se Donald Trump volverá presentarse a presidente.