Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro celebra o arquivo do proxecto de Altri pero di que a Xunta "chega tarde"

Besteiro celebra o arquivo do proxecto de Altri pero di que a Xunta "chega tarde"

O líder do PSdeG considera que Rueda "enterra" o expediente "porque non lle queda outra, non por convicción"

Besteiro esta semana no Parlamento galego. EFE/Xoán Rey Besteiro esta semana no Parlamento galego. EFE/Xoán Rey
G24.gal 11/07/2026 11:50 Última actualización 11/07/2026 12:48

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebra a comunicación por parte da Xunta do arquivo do expediente da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, pero lamenta que Rueda non enterre o proxecto "por convicción", senón porque "non lle queda outra".

En declaracións á prensa este sábado, asegura ademais que o seu partido estará atento porque queda "un cabo solto": que Greenfiber dispón dun mes para recorrer a resolución e "a nosa obriga é vixiar".

Besteiro aféalle ao Executivo galego que certifique a "defunción" sen máis e non explique o suposto "acordo secreto que a Xunta asinou con Altri no 2021 a través de Impulsa Galicia, un documento que ninguén viu".

Critica que o contido deste texto non se faga público e que o PP vetara unha comisión de investigación no Parlamento.

"Queremos saber que compromisos se adquiriron e se esa aposta errada vai custar diñeiro aos galegos e galegas. Rueda ten hoxe unha oportunidade magnífica para desclasificar eses papeis. Se non ten nada que ocultar, que os ensine", reclamou o secretario xeral dos socialistas galegos.

Considera que a Xunta chega a este punto "tarde, obrigada e sen recoñecer en ningún momento o dano que este proxecto puidese causar" e "sen unha palabra" para a xente da comarca da Ulloa que liderou a contestación social a través das mobilizacións en contra.

Pola contra, Gómez Besteiro lembra que o Goberno central dixo "non" á multinacional lusa en tres ocasións explicando as razóns, mentres a Xunta, ironiza, "certifica a defunción por falta de enchufe"..

Segundo subliña, quedou fóra do Perte de Descarbonización, "porque non descarbonizaba nada"; quedou sen axudas públicas "porque non as merecía" e sen conexión eléctrica "porque a planificación do Estado responde a criterios técnicos, non a operacións de propaganda".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade