Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro defende ante a militancia a súa xestión dos presuntos casos de acoso

Besteiro defende ante a militancia a súa xestión dos presuntos casos de acoso

O dirixente socialista di que o que vive o PSdeG por denuncias de acoso non é "síntoma de debilidade"

Nun discurso no que tamén instou á Xunta a negociar o financiamento local, Besteiro eludiu referirse ás denuncias contra Inés Rey

Gómez Besteiro, durante o Comité Nacional do PSdeG que se celebra en Santiago. EFE/ Xoán Rey
G24.gal 10/01/2026 11:55 Última actualización 10/01/2026 13:30

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu ante o comité nacional da súa formación a súa xestión "con firmeza e rigor", "respectando a legalidade", dos casos de denuncias por suposto acoso sexual e laboral contra cargos socialistas.

Besteiro tomou a palabra ante os máis de 200 delegados --dun total duns 350-- que nesta xornada acudiron á reunión do máximo órgano de decisión do PSdeG, unha convocatoria que a executiva galega convocou antes do Nadal para tranquilizar o ruído interno tras a crise derivada destas denuncias.

Precisamente, na cita e unha vez finalizado o discurso, uns 40 delegados pediron a palabra para expresar o seu parecer.

"O vivido nestas últimas semanas non é un síntoma de debilidade. É a consecuencia dunha profunda conciencia feminista que forma parte esencial do noso ADN. Por iso, non convivimos con esas condutas e, cada vez que aparece un comportamento inaceptable, actuamos", manifestou.

Así mesmo, asegurou que o acoso non ten carné de "ningún partido", senón "un problema de toda a sociedade". 

Besteiro narrou cronoloxicamente a actuación da dirección galega nos casos de acoso. Primeiro, o que afectou ao que era presidente da Deputación, José Tomé--suspendido de militancia e apartado da presidencia da institución provincial--, tras a denuncia por suposto acoso sexual; así como o que afectou o rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, tamén apartado das siglas socialistas.

Con todo, o xefe de filas do PSdeG non fixo ningunha referencia ás denuncias por suposto acoso laboral contra a rexedora da Coruña, Inés Rey, e o seu número dous, José Manuel Lage, que a propia alcaldesa cualificou como un "axuste de contas" por parte de dúas exconcelleiras por non repetir nas listas.

Tanto Inés Rey como José Manuel Lage acudiron este sábado á reunión do máximo órgano de decisión entre congresos, no que se espera que a alcaldesa tome a palabra.

Sobre este caso, fontes do PSdeG lembraron que a resolución da denuncia contra Inés Rey, como integrante da executiva estatal do PSOE, depende da dirección federal e aínda está en tramitación.

Todo iso nun discurso no que dixo que o PSdeG foi a forza política que tivo a "valentía que outras non tiveron para abrir un debate sobre o machismo nas súas propias filas e crear unha canle que permita denunciar de forma segura".

"Por iso, calquera uso espurio que se faga dela pervierte o seu sentido esencial, afecta as vítimas, á honra das persoas, á causa do feminismo e a todo o partido, polo que debe ser censurado e reprobado sen ambigüidades. Sempre, en todos os casos", dixo.

Reclama a Rueda unha negociación sobre o financiamento local 

No seu discurso, ademais, Besteiro reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha "negociación real" sobre o financiamento local e que se axuste ás competencias que "de verdade asumen os concellos".

"Rueda ten que deixar de pechar a porta a unha repartición xusta e transparente. Ten que abandonar as convocatorias discrecionales que substitúen criterios obxectivos e que acaban beneficiando sempre aos mesmos", instou.

Con isto, reprochou tamén a negativa do presidente --ao que acusa de seguir o "guion" de Feijóo-- á condonación da débeda, que lembrou permitise condonar 4.010 millóns a Galicia e que o PSOE defendeu como o "quilómetro cero" do financiamento autonómico.

A continuación, aludiu á nova proposta de financiamento presentado polo Goberno que supoñería preto de 600 millóns de euros máis.

Tamén censurou ao BNG por "sumarse" a "este xogo".

"Propón un modelo de concerto, exactamente igual ao vasco, pero evita defendelo a fondo".

Besteiro cre que a formación nacionalista "sabe" que Galicia " perdería moitos millóns de euros".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade