España perde contra Italia a final da Copa Davis (2-0)
Berrettini superou a Carreño (6-3 e 6-4) e deulle a Italia o primeiro punto da final
Munar comezou gañando, pero Cobolli remontou e anotou o segundo punto, co que a ensaladeira quedou en Italia
Terceiro título consecutivo para os italianos
Foto: EFE
Italia impúxose a España na final da Copa Davis, que se celebrou en Boloña. Os transalpinos, que non contaban con Janik Sinner, venceron a unha España sen Alcaraz por 2-0, logo de gañarlles os dous partidos individuais, polo que non foi necesario o punto dos dobres.
Non comezou ben a final para España. A selección que capitanea David Ferrer, que foi superando o seu papel de vítima ata chegar a esta final, terá que recorrer unha vez máis á heroica se quere facerse coa ensaladeira. E é que Pablo Carreño non tivo opción diante de Berrettini, que anotou o primeiro punto para os transalpinos cun xogo moi sólido e en pouco máis de hora e cuarto.
O primeiro set levouno Berrettini por 6-3, apoiado nun saque demoledor, e sen que Carreño puidese inquietalo. Aguantou a igualdade ata op 3-3, pero o italiano fíxose cos tres últimos xogos de xeito consecutivo, rachando o servizo no oitavo para colocarse con vantaxe.
No segundo set comezou golpeando Carreño co seu saque, e mantivo as mínimas vantaxes ata o 4-3. Chegou entón a manga ao momento decisivo, e aí volveu apertar Berrettini, que rachou por segunda e última vez o saque do español no 10º, para acadar a vantaxe decisiva. Pechou o encontro co 6-4, e Italia tomaba vantaxe.
No segundo encontro da final, Munar saíu como un lóstrego na pista do Super Tenis Center de Bolonia. Un tras outro foron caendo os cinco primeiros xogos do encontro, para deixar case imposible a remonta de Cobolli. O italiano fixo o xogo da honra, para darlles paso ao seguinte co que o español pechaba o set. 6-1.
Na segunda manga o partido foi máis parello, aínda que comezou cun break por parte de cada xogador. Despois, cada un foi gañando o seu servizo, e todo chegou ata o 6-5 a prol de Cobolli, polo que Munar tiña que levar o seu servizo se quería mandar o encontro ao tie break. Empregouse a fondo o español, e mesmo salvou 4 bolas de set para aproveitar a súa primeira vantaxe e asegurar o desempate.
No tie break o italiano estivo moito máis consistente, collendo unha vantaxe de 4-1 que parecía definitiva. Malia a que Munar seguiu loitando, o 6-3 dáballe a Cobolli outras tres pelotas de set, e aí xa non perdoou: 7-5, e o partido ao set definitivo.
A terceira manga comezou cos dous xogadores levando o seu servizo ata o 5-5. Foi entón cando Cobolli acadou dúas bólas de break, e Munar salvou a primeira, pero non puido coa segunda. 5-6 e a Cobolli so lle quedou asegurar o seu saque e anotar o segundo punto para Italia. Dous cero e terceira Copa Davis consecutiva para os italianos. España terá que seguir agardando pola súa sétima ensaladeira.